Thursday 26 de June de 2025

Cariño acollerá este sábado o ‘I Tríatlon de Menores Concello de Cariño’


• A competición está dirixida a nenos e nenas nacidos entre 2012 e 2019 e constará de tres modalidades diferentes.

O Concello de Cariño acollerá este sábado, 28 de xuño, a celebración do ‘I Tríatlon de Menores Concello de Cariño’, unha cita deportiva organizada conxuntamente polo Club Natación Cedeira, a FEGATRI, a Asociación de Veciños Concello de Cariño e o propio Concello. Será a partir das 15:00 horas.

O evento está dirixido a nenos e nenas nacidos entre os anos 2012 e 2019 e contará con tres modalidades diferentes. A primeira é un acuatlón non competitivo con inscrición previa, dirixido aos nados en 2018 e 2019. A segunda modalidade é un tríatlon competitivo con inscrición, no que participarán as categorías benjamín, alevín e infantil e que será unha proba reservada exclusivamente para deportistas federados. Por último, a terceira modalidade é un acuatlón non competitivo aberto, dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 13 anos e no que se poderá participar sen necesidade de inscrición previa.

Os interesados nesta última modalidade deberán presentarse ás 16:00 horas na Casa da Cultura para asinar o consentimento. A única condición para participar é saber nadar e acudir con traxe de baño e calzado deportivo.
A saída da proba terá lugar na praia da Basteira. A transición para a proba de ciclismo estará situada no paseo marítimo, fronte á Casa da Cultura. O percorrido ciclista pasará polo carril bici, rúa Río Sil, avenida da Paz, rúa Cabo Ortegal e a urbanización das casas dos mariñeiros. Finalmente, a carreira a pé desenvolverase polo Paseo Marítimo, finalizando preto da praza do propio paseo. Todo o percorrido da proba, así como o regulamento da mesma, pódese consultar nas páxinas web de RockTheSport e da FEGATRI.
Aquelas persoas que desexen colaborar como voluntarias no evento poden poñerse en contacto co Servizo de Deportes do Concello de Cariño no teléfono 981 405 064, ou coa Asociación de Veciños Concello de Cariño.

Dispositivo especial para a proba

Por motivos de seguridade e para garantir o bo desenvolvemento do evento, prohibirase aparcar en varias zonas do municipio desde as 9:00 ás 18:30 horas do sábado 28 de xuño. Estas serán a avenida da Paz, rúa Río Sil, rúa Cabo Ortegal, urbanización das casas dos mariñeiros e na zona de aparcamento da Casa da Cultura. Ademais, durante a celebración do tríatlon, o circuíto permanecerá pechado ao tráfico e non se poderá acceder nin saír dos garaxes situados nestas rúas.

Desde o Concello de Cariño agradécese de antemán a comprensión e colaboración dos veciños, animando á participación e asistencia a esta primeira edición dun evento deportivo que pon en valor o deporte basee, o traballo en equipo e a vida saudable entre a mocidade.

Deja un comentario