
Durante o mes de xullo, o parque das Torres de Santa Cruz acollerá unha nova edición de As Tardes do Alfar, o microfestival promovido polo Concello de Oleiros que mestura música en directo e demostracións de olería nun entorno privilexiado e aberto á veciñanza.
As actividades desenvolveranse todos os xoves de xullo a partir das 19.00 h, comezando polas mostras de olería en vivo a cargo do recoñecido Alberto Añón, e continuando ás 20.00 h cos concertos dunha selección de artistas galegos e nacionais que abranguen estilos diversos, do rock ao folk, pasando polo indie ou a música de autor.
O ciclo contará cun cartel variado e potente que encherá de música os solpores de Santa Cruz, comezando o 3 de xullo con Miguel Costas, figura clave do rock galego e fundador de Siniestro Total; seguiralle o 10 de xullo Doctor Snob, banda veterana con sonoridade de puro rock; o 17 de xullo será o turno de Solrain e o 24 o de Solos, ambos cuartetos aínda que o primeiro máis vencellado directamente ó rock e o segundo ó pop-rock. O ciclo pechará o 31 e xullo da man de Bestas, grupo grupo de punk e folk contundente con raíces no rural galego.
As Tardes do Alfar consolidan nesta nova edición a súa identidade como unha experiencia única, ofrecendo un plan cultural de calidade, ao aire libre e de balde para todas as familias. O Concello de Oleiros convida á veciñanza a gozar desta cita co talento e coa cultura local todos os xoves do mes de xullo, nun espazo aberto e de lecer como son As Torres de Santa Cruz.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.