Thursday 26 de June de 2025

O BNG de Santa Comba esixe ao Concello que cumpra a lei de protección animal diante dunha denuncia de maltrato


Pide explicacións do caso denunciado pola Asociación Abeiro que acusa ao goberno municipal de ter mantido en “estado de abandono e sufrimento” unha cadela abandonada

O responsábel local, Juan David Sixto, quere que Santa Comba sexa un “concello que cumpla a lei de protección animal”

O BNG rexistrou no Concello de Santa Comba unha iniciativa co fin de activar a xestión da protección municipal dos animais, despois de que unha denuncia alertara do maltrato en dependencias públicas a unha cadela abandonada. O responsábel local da organización nacionalista, Juan David Sixto, lamenta a “falta de política de protección de animais dun concello que está incumprindo a lei e facendo deixación das súas competencias” e reclama “que se tomen medidas e se habiliten orzamentos para solucionar esta situación” .

O BNG urxe a que o concello de Santa Comba tome en serio as obrigas na protección de animais despois da denuncia da Asociación Abeiro por un caso de abandono e maltrato a unha cadela en dependencias municipais. “O caso da cadela que pasou doce días pechada en condicións inaceptábeis, sen atención veterinaria e rodeada de excrementos puxo sobre aviso do desleixo do goberno municipal á hora de asumir as responsabilidades en materia do coidado de animais”, sinala o nacionalista Juan David Sixto.

Neste sentido, lembra que a Asociación Abeiro denunciou ao goberno municipal por maltrato animal ao Concello de Santa Comba por ter a cadela doce días pechada nun zulo en condicións inaceptábeis, unha situación na que tiveron que intervir algúns veciños e provocou unha campaña de alarma nas redes sociais. Segundo Abeiro, que achega probas gráficas e documentais á denuncia, a cadela viviu ese tempo nun zulo, rodeada de excrementos, sen desparasitar, con carrachas e pulgas e sen atención veterinaria.

“A situación non só é inaceptábel para unha institución que ten que cumprir unhas obrigas senón que é ilegal e reclamamos que se activen os protocolos e se tomen medidas para que o concello de Santa Comba cumpra a lei e protexa os animais, como é o seu deber e non sexa parte do maltrato”, sinala Sixto.

Co rexistro dun conxunto de preguntas, o BNG de Santa Comba quere que o goberno municipal explique o caso da cadela extraviada que motivou a denuncia de maltrato, as condicións nas que estivo nas dependencias municipais e o protocolo que se seguiu na súa recollida. Propón que o goberno municipal destine medios para o desenvolvemento de campañas de prevención do abandono, promoción de adopción e protección dos animais, e interésase pola situación das colonias de gatos e o orzamento que se vai dedicar ao seu coidado.

“En Santa Comba parece que non se aprobou a lei xa que non se dedicou ningún esforzo nin orzamentos á protección dos animais e tampouco se aplicaron os protocolos necesarios para responder non só a un mandato legal senón a unha demanda cada vez maior da veciñanza”, sinala Juan David Sixto que urxe ao goberno municipal a que “se active, lea a lei e a cumpra, destinando a este obxectivo os medios necesarios”.

O BNG lémbralle ao Concello de Santa Comba que é responsabilidade municipal a recollida de animais extraviados ou abandonados e o aloxamento nun centro de protección animal e lamenta que, só doce días despois e tras a denuncia pública en redes sociais, trasladou a cadela do zulo. “Queremos que o caso denunciado pola Asociación Abeiro non volva pasar e Santa Comba se converta nun concello que cumpra a lei de protección animal”, afirma o responsábel do BNG.

Deja un comentario