
As praias de Río Castro, Almieiras, Coído e Río Sandeo contan xa con boias que delimitan a zona de baño para garantir a seguridade
A área de medio ambiente reforza tamén os traballos de limpeza, incluíndo os areais de San Valentín e Maniños, que gañaron popularidade nos últimos anos
O Concello de Fene vén de completar o balizamento das praias de Río Castro, Almieiras, Coído e Río Sandeo, coa instalación de boias que delimitan as zonas de baño, mellorando así as condicións de seguridade para as persoas usuarias destes espazos. En paralelo, desde a área de medio ambiente estanse a desenvolverse tamén os traballos de limpeza e acondicionamento dos areais, labores que se prolongarán durante toda a tempada de verán.
O treito total delimitado por boias acada preto dun quilómetro de costa, habilitando unha banda de até 70 metros mar adentro para o desfrute seguro das persoas bañistas. Esta medida busca, segundo explica a concelleira de medio ambiente, Cristina García, “garantir unha convivencia adecuada entre o uso recreativo do baño e as actividades náuticas que son habituais nestes areais, como kaiaks, paddle surf ou embarcacións de recreo”.
A edil subliña que “a instalación do balizamento non só aumenta a seguridade, senón que tamén axuda a ordenar os usos da nosa costa, especialmente en puntos como Río Sandeo, onde deixamos habilitada unha canle específica no extremo do areal para a entrada e saída de embarcacións e outros artefactos flotantes”. Esa canle poderá empregarse a unha velocidade máxima de 3 nós.
Ademais das praias da ría de Ares, os traballos de limpeza inclúen tamén os areais de San Valentín e Maniños, cada vez máis concorridos pola veciñanza, especialmente nas xornadas de marea baixa. Cristina García destacou que “queremos que todas as persoas que visitan ou viven en Fene poidan desfrutar das praias nas mellores condicións posibles. Por iso reforzamos tanto as tarefas de limpeza como as de mantemento durante todo o verán”.
O Concello de Fene lembra que o bo uso das zonas de baño, xunto co respecto ás normas de navegación e ás indicacións das zonas balizadas, son fundamentais para garantir a seguridade e a convivencia entre todos os usuarios e usuarias do litoral fenés.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.