
Obradoiros da Diversidade
Venres, 27 de xuño⋅11:00-12:00h
Local Social de Lamas
A Asociación Brío volve colaborar nos actos co gallo do 28X para reivindicar tódolos xeitos diversos que existen de ser e sentir. Desta vez botará unha man en dous obradoiros simultáneos para a rapazada máis pequena e para a que xa está entrando na adolescencia. No primeiro, as pequechas e pequechos realizarán os seus propios adhesivos de debuxos con temática relacionada cos dereitos LGTBIQ+ para poder decorar fiestras, neveiras e calquera outro espazo da casa.
A cativería de máis idade participará nun obradoiro no que se pintarán unhas baldosas para facer un Camiño da Diversidade entre o carreiro central dos xardíns municipais e a Árbore da Diversidade situada a uns metros. A actividade, prevista inicialmente nos xardíns do pazo, desenvolverase finalmente no local social de Lamas co mesmo horario e fixarase unha data posterior para a colocación das baldosas, que precisan un tempo de secado.
As propostas con motivo do Día do Orgullo LGTBIQ+ proseguirán no serán do sábado coa estrea dun novo capítulo do videopodcast de Igualdade “Falando sen cancelas”, que nesta ocasión parolará con Lucía Vázquez Pérez, cofundadora da asociación Mestas Cedeira.
O colectivo, de recente creación, busca visibilizar, loitar pola igualdade de dereitos e contar cun espazo compartido no que sempre se poida atopar comprensión, apoio e acompañamento.
A activista comentará coa técnica de Igualdade, Oriana López Castiñeira, as distintas liñas de traballo de Mestas Cedeira, pero tamén as dificultades que atopan e o rexeitamento social co que baten todos os días as persoas que viven, senten e aman fóra do concepto binario tradicional home/muller, especialmente no contexto actual de repunte dos discursos de odio.
Vázquez Pérez e López Castiñeira tamén abordaron como se vive a diversidade en pequenas vilas -como é o caso de Cedeira- ou contornos rurais, como pode ser San Sadurniño, que non son moi distintas das cidades en canto á aceptación social, aínda que si carecen “dos recursos e redes organizadas que che poden axudar a verte e recoñecerte con outras persoas”.
Vázquez Pérez apuntou durante a entrevista gravada hai uns días que a Asociación Mestas Cedeira tenta cubrir ese oco de arroupar e “estar aí, que moitas veces é o único que fai falta”. A asociación tenta chegar a todos os grupos da poboación levando a cabo campañas informativas e actividades lúdicas para a rapazada, a mocidade e o público en xeral.
“Estamos abertas a calquera persoa, canto máis vulto fagamos, mellor. Buscamos a interseccionalidade de diferentes idades, diferentes realidades, diferentes identidades, ao final é o que fai que isto funcione “, asegurou a cofundadora de Mestas Cedeira, engadindo que a entidade tamén está aberta á colaboración con outras asociacións e administracións, tanto de Cedeira como doutros concellos da comarca.
Clausura das escolas culturais municipais
Venres, 27 de xuño⋅19:00h
Pista multixogos dos xardíns municipais
As escolas Municipais Culturais e deportivas pecharán a tempada nos Xardíns Municipais (inicialmente estaba previsto na área recreativa da piscina). Ás 19.00 h actuará o grupo CORRAL POLIAFÓNICA do Aturuxo de Melpomene e posteriormente as escolas de Baile tradicional, gaita e pandeireta mostrarán os seus progresos do último ano.
A Concellaría de Cultura ten definido o formato dándolle aproximadamente 10 minutos a cada grupo musical co obxectivo de que a velada sexa o máis dinámica e variada posible. Na clausura tamén participarán os grupos de ximnasia de mantemento. Ao remate haberá uns petiscos para despedir o curso.
A clausura trasladarase ao Local Social de Lamas no caso de que chova.
San Paio en Ferreira
Sábado, 28 de xuño⋅13:30h
Pista do local social da Seara
Ferreira de Abaixo estrea o calendario patronal do verán en San Sadurniño coa tradicional celebración do San Paio, que este ano toca o sábado 28 de xuño e que, ademais, inclúe xantar popular (as reservas pecháronse o martes).
O programa empezará ás 13:30h coa misa, seguida da tradicional procesión do santo e a traca de foguetes previa ao inicio da función animada polo Grupo Master. A orquestra tocará arredor de tres cuartos de hora, con idea de que as persoas anotadas na comida poidan sentar xantar a iso das 15:00h no propio recinto da festa. O menú constará de paella, churrasco, sobremesa, café e bebidas, con opción de menú infantil dispoñible para a cativería.
Durante a tarde, a organización ten previsto instalar inchables e celebrar unha divertida festa da escuma. Xa pola noite, a verbena volverá ser cousa do Grupo Master, alternando actuacións ata ben entrada a madrugada co Dúo Maracuyá. Pola noite tamén se poderán cear liscos e chourizos por 10€.
San Xoán en Igrexafeita
Sábado, 28 de xuño⋅21:00h
Pista do local social da Torre
Igrexafeita teremos tamén unha festa arredor do lume que comezará no local social da Torre ás 21:00h co espectáculo de clown Duendecirco, co que se lle dará paso a unha cumprida cea a base de sardiñas, liscos, chourizos, pan, bebida e sobremesa. O prazo para reservar rematou onte. A Asociación veciñal Adiante cumprirá deste xeito coa tradición do San Xoán retrasando a celebración uns días con respecto á data oficial, coa finalidade de facela cadrar en fin de semana e de separala do xantar popular a prol da festa do Biscordel do sábado pasado.
IV BTT, II Trail de Montaña e I Cross
Domingo, 29 de xuño⋅08:30h, 09:00h e 10:00h
Finca da Cortiña
O Concello de San Sadurniño, en colaboración co club MTB Biela e Chaveta, organiza simultaneamente tres grandes desafíos deportivos aos que se lles irá dando a saída entre as 08:30 e as 10:00h.
A raíña será a cuarta edición da BTT, unha proba non competitiva federada de dificultade media que comezará ás 08:30h ofrecendo tres rutas circulares con saída e chegada na leira da Cortiña, unha de 61 quilómetros e un desnivel de 1.419 metros, outra de 48,9 km e 1.104 metros de desnivel acumulado e unha curta de 23,9 km e 268 metros de desnivel, por pistas e camiños forestais que tocarán, no caso da volta máis grande, catro municipios: San Sadurniño, As Somozas, Moeche e incluso uns metros de Neda. No momento de redactar esta información, a unhas 12 horas de que peche o prazo de inscrición, ían anotadas 137 persoas.
Canda a BTT, Biela e Chaveta e máis o Concello tamén asumen a maiores un dobre reto, organizando ese mesmo día un trail e máis un cross, tamén con saída e chegada no arboreto da Cortiña.
Así, ás 09:00h darase a saída do II Trail de Montaña no que se poderán completar dous circuítos, un de 23,9 km -coincidente coa ruta media da BTT- e outro de 11 km. Na carreira polos montes da contorna, que xa pechou as inscricións, participarán 129 deportistas.
Unha hora despois tomará a saída o I Cross Concello de San Sadurniño para as categorías Peques, Sub 8, Sub 10, Sub12 e Sub 14 e distancias desde 200 até 2.000 metros de percorrido, todas elas no interior e nos arredores do arboreto situado ao pé do paseo fluvial. Neste caso só se anotaron 25 nenas e nenos, razón pola que o Concello agrupará categorías para que corran todas xuntas e xuntos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.