
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou hoxe no acto oficial de inauguración da estación do Adif na intermodal de Santiago Daniel Castelao, unha nova xornada “histórica” e “para lembrar” en Compostela. Un fito máis, dixo a rexedora compostelá, na “vaga de boas novas” para a cidade que completa un ciclo que comezou hai 150 anos coa chegada do ferrocarril a Galicia. Neste sentido, apelou a completar esta infraestrutura cun impulso ao servizo de tren de proximidade, así como chamou a seguir avanzando co compromiso do novo aparcadoiro ou outras infraestruturas para a cidade como o Orbitaliño.
Sanmartín apela a completar a estación intermodal Daniel Castelao coa construción do aparcadoiro e o impulso do tren de proximidade
Na súa intervención, a rexedora compostelá tivo palabras de agradecemento para todo o persoal de Adif que durante todo este tempo foi falando e informando ao Concello sobre este proxecto.
Goretti Sanmartín enxalzou o carácter histórico da xornada, que cualificou como “un novo día para lembrar en Compostela”, marcando un fito máis nunha “vaga de boas novas” para a cidade. Así, remarcou que esta estación é unha desas infraestruturas “absolutamente necesarias” para Santiago e subliñou que “vai servir de maneira moi importante para cohesionar barrios de Santiago, unindo Pontepedriña co Ensache”. Ademais, incidiu en que tamén Santiago tamén gana unha praza pública de 1.500 metros cadrados.
A alcaldesa de Santiago destacou que “a estación xa non é un proxecto, xa é real”, como tamén o é, engadiu e agradeceu, “o compromiso de construír un aparcadoiro en altura que poña a disposición unhas 900 prazas” para facilitar a mobilidade desde a estación.
Durante as súas palabras, Goretti Sanmartín resaltou que se trata dunha espazo “que non é calquera estación, senón que é unha estación con nome propio” ao levar o nome de Daniel Castelao “Un símbolo deste país, da loita polos dereitos democráticos e da loita polo tren”, referiu sobre Castelao, para concluír que nomear é salvar “a desmemoria”.
A alcaldesa tamén reivindicou o valor simbólico e de recoñecemento de denominar estes lugares. “Castelao estará agora na mirada cotiá de milleiros de persoas. Este lugar, por iso, nunca será un non-lugar, como dicía o antropólogo Mar Augé”, ao igual que o aeroporto leva o nome de Rosalía de Castro. Goretti Sanmartín lembrou, ademais, o acordo unánime de 2019 do Pleno da Corporación polo que se acordou propoñer que a estación levase o nome de Castelao.
Mirando cara o futuro, Goretti Sanmartín expresou o seu desexo de que esta estación sexa tamén un motor de desenvolvemento: tanto para avanzar en conexións ferroviarias coas vilas próximas, Lugo ou incluso Francia, como para promover novos proxectos coma o Orbitaliño, a mellora dos enlaces coa AP-9 e os polígonos empresariais, ou mesmo unha futura estación de mercadorías, co foco na diversificación económica de Galicia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.