Wednesday 25 de June de 2025

O Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia promóvese en Madrid e Valladolid como unha forma atractiva e diferente de peregrinar a Santiago


As próximas citas, Lisboa e Zaragoza, terán lugar no mes de xullo

A Ría da Estrela e a Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros veñen de iniciar esta semana una ronda de presentacións pola Península Ibérica para dar a coñecer un novo concepto de ruta xacobea: o Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia. Unha iniciativa que arrincou onte martes en Madrid e que tivo continuidade hoxe mércores en Valladolid, reunindo a unha trintena de prescriptores. Lisboa e Zaragoza serán as próximas paradas, xa no mes de xullo.

O Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia ofrece peregrinar a Santiago a través dunha ría e uns portos cunha longa tradición xacobea, especialmente o de Noia que no seu momento foi o Portus Apostoli de Compostela. Unha travesía que rememora o percorrido que seguiron milleiros de peregrinos dende os tempos da Segunda Cruzada e, especialmente, o navegante veneciano Pietro Querini en outubro de 1431. Ao tratarse dun trazado recoñecido oficialmente polo Cabildo Catedralicio, basta con completar 90 millas náuticas en veleiro, selar a credencial do peregrino nos portos indicados e facer a pé cando menos os 12 últimos quilómetros entre Bertamiráns e Santiago para obter a Compostela.

“A nosa proposta está a ser moi ben recibida. Uns poñen o énfase na súa orixinalidade e outros poñen en valor o feito de recuperar unha forma de peregrinación a vela típica doutros séculos”, apunta José Antonio Marcote, responsable de comunicación da Ría da Estrela, que xunto a Sebastián Valverde, xerente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia están protagonizando estas presentacións.

Peregrinacións marítimas

“Estamos presentando unha maneira diferente de facer o Camiño de Santiago pero que hai séculos era a principal: navegando”, explica Sebastián Valverde, “trátase dun novo produto turístico que desborda o ámbito da nosa Ría, onde o turista ou peregrino pode reservar barcos ou camarotes para desfrutar dunha experiencia absolutamente única: peregrinar a Compostela a bordo dun veleiro e por unha das zonas turísticas máis espectaculares a nivel mundial”.

Como apunta Sebastián Valverde, “a historia moderna das peregrinacións a Santiago comeza en 1990, pero ata 2025 non se plantexara en Galicia como desenvolver e xestionar as peregrinacións marítimas como produto turístico. É, polo tanto, unha primicia dentro do noso país e nela xoga un papel esencial a peregrinación de Pietro Querini”. Unha proposta que está tendo unha gran aceptación non so de público, senón tamén dos propios operadores implicados na iniciativa, que pasaron de 1 a 4 en tan só seis meses.

O primeiro operador é Sailway (www.sailway.es), unha navieira de chárter náutico que ofrece unha experiencia de catro días a bordo dun veleiro, 94 millas náuticas con saída do Monte Real Club de Yates de Baiona e chegada ao Real Club Náutico de Portosín. Ademais, ofrécelle ao peregrino diferentes opcións: dende alugar un veleiro (con ou sen patrón) ata facerse cun camarote, cunha ampla variedade de prezos. Outra navieira Julio Verne Náutica (www.juliovernenautica.com) é a última incorporación do catálogo ata o momento. Oferta embarcacións de luxo e un percorrido de cinco días, catro delas polas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa, unidas a un último día de camiño a pe ata chegar a Compostela.

O Monte Real Club de Yates de Baiona (https://www.mrcyb.es/eventos/evento/v-ruta-rias-baixas-camino-de-santiago-ria-muros-noia-2025/) promove a V Ruta Rías Baixas-Camiño de Santiago Ría Muros Noia, unha peregrinación en grupo que terá lugar do 30 de xuño ao 5 de xullo de 2025 e que será presentada mañá xoves en Baiona. Por último a Travesía Náutica Xacobea de ASNAUGA (https://asnauga.com/travesia-nautica/) ofrece un bono descontos en amarres nos portos deportivos galegos, percorrendo os clubs náuticos de Galicia distinguidos coa Q de calidade turística e que apostan pola atención ao navegante, para así peregrinar a Santiago ben desde Ribadeo (Ruta Norte) ben desde Vigo (Ruta Sur).

“Paisaxismo, deporte, aventura, historia e espiritualidade, porque non deixa de ser unha ruta xacobea. Son valores que determinan o éxito do Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia”, conclúe Antonio Marcote, quen lembra que toda a información está dispoñible nas páxinas web www.caminomaritimo.gal, www.caminomaritimo.es e www.caminomaritimo.com.

Deja un comentario