Wednesday 25 de June de 2025

O PSdeG de Santiago insta á señora Sanmartín a garantir solucións estables para os clubs afectados polas obras na piscina de Santa Isabel


O Grupo Socialista levará ao Pleno unha moción para esixir solucións reais e inmediatas ás necesidades dos clubs de natación, waterpolo e triatlón afectados polas obras.

O PSdeG pide ao Goberno de Goretti Sanmartín que garanta a continuidade da actividade deportiva tras o verán mediante convenios con outras entidades.

O Grupo Municipal Socialista de Santiago presentará no Pleno do día 26 unha moción na que insta ao Goberno da señora Sanmmartín a resolver urxentemente os problemas derivados das obras na Piscina Municipal de Santa Isabel, garantindo unha solución estable para os clubs deportivos que fan uso habitual da instalación.

Segundo Guinarte, é responsabilidade da señora Sanmartín anticiparse e garantir que os clubs poidan manter a súa actividade ao longo de todo o ano, sen interrupcións nin incertezas, polo que indica que presentan esta moción “para instar ao Goberno Municipal a resolver os problemas que poden derivarse das obras”.

O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, alertou de que, malia existir unha solución provisional ata finais de xullo, non está garantida a continuidade da actividade dos clubs de natación, waterpolo e triatlón a partir de setembro. “O que queremos é que o Goberno Municipal se poña as pilas” e que estes clubs “de cara a volta do verán, o mes de setembro e ata final de ano” como mínimo “teñan a seguridade de saber onde van poder levar a cabo seus adestramentos” afirmou.

Guinarte subliñou que a actividade deportiva destes clubs é fundamental para a cidade e que a falta dunha alternativa clara compromete a súa continuidade. “Sabemos, polos propios clubs, que a situación non está resolta para despois do verán”, advertiu.

Desde o PSdeG, proponse que o Goberno local active convenios de colaboración con entidades como a Universidade de Santiago de Compostela que segundo o voceiro socialista saben que “ten vontade de facelo” así como “con outras institucións públicas ou privadas, solucións que permitan que eses clubs poidan manter a súa actividade ao longo do ano” concluíu Guinarte.

Deja un comentario