Wednesday 25 de June de 2025

O programa Coruña en Forma regresa este verán con actividades deportivas gratuítas de luns a venres en once espazos da cidade


Esta iniciativa do Goberno de Inés Rey ofrece clases dirixidas como ioga, tai-chi, zumba ou pilates nos meses de xullo e agosto

O Concello da Coruña inicia o vindeiro martes 1 de xullo o seu programa Coruña en Forma, unha iniciativa do Goberno de Inés Rey que ofrece actividades deportivas dirixidas, abertas á cidadanía, sen inscrición previa, e totalmente gratuítas para promover hábitos de vida saudables durante os meses de xullo e agosto.
“Esta iniciativa ten como obxectivo converter os espazos públicos e urbanos en instalacións deportivas ao aire libre”, sinalou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.

A cidadanía poderá participar, de luns a venres, en horario de mañá e tarde, nas seguintes modalidades deportivas: ioga, tai-chi, ximnasia aeróbica, zumba, maiores en forma, pilates e tonificación muscular. As actividades estarán dirixidas por persoal especializado, que guiará ás persoas participantes a través dos distintos exercicios. As actividades terán un nivel de intensidade moderado para adaptarse a todo tipo de niveis de condición física das persoas participantes.

Este 2025 haberá once espazos sinalizados repartidos por distintos barrios da cidade, nos que se levará a cabo o programa Coruña en Forma: miradoiro do Matadoiro, parque Europa, Barrio das Flores, praia de Riazor, praza Elíptica, parque de Vioño, praza dos Mariñeiros, praza dos Avós, Novo Mesoiro (campo Cruyff Court), praza de Espazo Coruña e praza de Eirís.

Toda a programación e horarios poden ser consultados en www.coruna.gal/enforma.

Deja un comentario