
— A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
— A actividade da futura instalación centrarase na clasificación, limpeza e valorización de residuos de construción e demolición
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para construír unha planta de almacenamento e valorización de residuos da construción e demolición no concello coruñés de Cambre, concretamente, nunha nave do parque empresarial do Espíritu Santo.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e feito público hoxe no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de oito organismos interesados.
Froito desas consultas, a maioría realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, augas e leitos fluviais ou xestión de residuos.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e agora dáselle publicidade a través do DOG e da páxina web da Consellería, onde xa está dispoñible.
A instalación localizarase nunha parcela cunha superficie de 2.085 metros cadrados, na que se distinguirán diferentes zonas e espazos. En concreto, construirase unha cuberta de 120 metros cadrados baixo a que se levará a cabo a descarga dos residuos da construción e demolición que presenten fraccións impropias, que tamén se almacenarán neste espazo cuberto.
Fóra da estrutura metálica, prevese instalar unha zona de almacenamento de residuos limpos e outra de machaqueo e criba, onde se situará a maquinaria de proceso de tipo móbil. A maiores, haberá unha área de provisión de áridos reciclados e outra de provisión de materiais naturais.
Promovida por Alsile3 SL, a planta proxectada en Cambre ten como finalidade principal a clasificación, limpeza e valorización de residuos procedentes da construción e demolición, procedentes das obras de instalacións eléctricas, tanto domésticas como industriais, que executa o promotor.
Así mesmo, preténdese o almacenamento tanto de residuos como de materiais naturais de escavación dos traballos para a súa posterior valorización fóra da obra ou ben para valorizar a fracción apta.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.