Wednesday 25 de June de 2025

A Casa da Cultura de Fene acolle este venres a inauguración da V Mostra do alumnado Laudas Calamity


A quinta edición da mostra do alumnado do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity de Fene titúlase A Bela e a Morte e recolle vinte e catro proxectos artísticos desenvolvidos por estudantes de distintas idades ao redor dos conceptos da beleza e a morte. A exposición abre ao público e inaugúrase este venres, ás 18 horas, na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura e poderá visitarse até o 15 de agosto en horario de luns a venres, de 10 a 14.15 horas.

A beleza e a morte son “dúas forzas opostas que se atraen e que nos enfrontan ao misterio do efémero. A beleza non existiría sen a conciencia do seu fin. A morte, por crúa que sexa, pode ser o espello máis honesto da vida e, xuntas, falan do que somos: materia fráxil con fame de sentido”. Segundo explica Laura Bouza, responsable de Laudas Calamity, esta exposición é unha danza entre ambas, un intento de mirar de fronte o que doe e atopar alí o que nos salva.

Así, nesta mostra, a través da pintura, instalacións, escultura, debuxo e outros formatos contemporáneos, o alumnado explora estes temas e os desentraña en cada un dos proxectos que conforman a exposición. “Trátase dunha reflexión íntima e poderosa que convida a mirar de fronte o que normalmente se oculta, pero tamén a atopar beleza no inesperado. Unha oportunidade para achegarse á creación artística desde unha mirada fresca, sensible e profundamente humana”.

Laudas Calamity é unha escola de arte situada en Fene (A Coruña) que acolle un alumnado diverso e interxeracional, con idades comprendidas entre os cinco e os setenta anos. Dirixida pola artista e docente Laura Bouza, Laudas é un espazo no que a creación artística se entende como unha ferramenta de pensamento, comunicación e coñecemento do mundo.

A actividade no centro desenvólvese a través de proxectos que parten da reflexión sobre temas universais —como a beleza, a morte, a identidade ou a memoria— e que se concretan en procesos de traballo abertos, onde cada estudante elabora unha proposta persoal, conectada co seu modo de mirar, sentir e interpretar. O alumnado experimenta con técnicas diversas —debuxo, pintura, instalación, escultura, collage, entre outras— e fórmase nunha metodoloxía que prioriza a autonomía creativa, o rigor conceptual e a expresión simbólica.

En Laudas Calamity conviven nenos e nenas que comezan a construír a súa voz artística con persoas adultas que atopan na arte un camiño de exploración ou reencontro. A través do acompañamento próximo, pero respectuoso coa identidade de cada quen, o centro fomenta a creación de obras sinceras, complexas e cargadas de significado, que falan desde a experiencia individual, pero tamén desde o compromiso cun tempo e unha sociedade. A mostra colectiva de fin de curso é a culminación dun proceso no que o alumnado non só aprende a facer arte, senón a pensar e vivir artísticamente e a o que lle dedican gran parte do curso.

Deja un comentario