Tuesday 24 de June de 2025

Concello e Comisión de Festas de Paiosaco presentan o cartel da Festa das Cereixas 2025


Destacan os espectáculos de música tradicional galega e as actividades para a posta en valor do froito.

aiosaco celebrará na fin de semana do 5 e 6 de xullo a edición do ano 2025 da Festa da Cereixas, unha das celebracións de maior tradición no termo municipal da Laracha que conta co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia. O evento terá lugar no recinto feiral, precisamente o lugar escollido polos representantes municipais -o alcalde, José Manuel López Varela, e a edil responsable da área de Festas, Patricia Bello- e os membros da Comisión de Festas de Paiosaco para presentar o cartel organizado en conxunto polo Concello e a citada agrupación.

A programación comezará o sábado 5 cunha sesión vermú amenizada polo Dúo Matices, e continuará pola noite coa verbena amenizada pola orquestra Kubo e unha sesión de disco móbil para seguir gozando da festa ata a madrugada.

O domingo 6 de xullo será o día grande coa Feira das Cereixas, a feira máis importante do ano en Paiosaco e tamén a celebración gastronómica máis relevante do concello da Laracha. Ao longo da xornada os asistentes poderán desfrutar dunha ampla programación cultural e musical pensada para todos os públicos.

Durante toda a mañá, no stand do Concello ofrecerase información turística e haberá unha foodtruck na que degustar, de balde, produtos elaborados a base de cereixas. Ás 11:00 h realizarase o obradoiro Do óso ao brote: a viaxe da cereixa, dirixido ao público infantil e familiar. A actividade explicará o proceso de produción da cereixa, sensibilizando sobre o proceso de crecemento dunha árbore froiteira, valorando o traballo dos produtores e fomentando o respecto polos ciclos naturais.

A charanga Kilomberos de Monte Alto porá a nota festiva durante a feira a partir das 12:00 h. Xa pola tarde, ás 20:00 h, terá lugar unha actuación de música e baile tradicional galegos a cargo da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco. Pola noite, as 21:30 h o grupo Os Meliados, tamén de música tradicional, dará paso ao concerto estelar de Xurxo Fernandes, previsto para as 22:30 h. O músico coruñés porá en escena o seu espectáculo Levaino!, no que achega unha visión única sobre as músicas de raíz e de creación colectiva, mesturando os sons máis arcaicos da Galicia primitiva, acompañados de pandeireta, co exotismo do Mediterráneo oriental e instrumentación moderna. Na fin de festa haberá fogos artificiais.

O Concello da Laracha está a realizar unha forte aposta nos últimos anos para impulsar a Feira das Cereixas como unha celebración de referencia comarcal, incorporando á programación propostas culturais de calidade e concertos dos artistas máis destacados do panorama folclórico galego, estilo musical que encaixa á perfección coa historia e idiosincrasia do evento. Neste sentido, o Concello tamén recoñece o importante traballo da Comisión de Festas para manter viva esta tradición da Feira das Cereixas cunha programación que abrangue toda a fin de semana.

Anímase á veciñanza, turistas e visitantes a participar nos eventos e gozar de dúas xornadas festivas únicas en Paiosaco arredor dun produto tan representativo como é a cereixa, símbolo de identidade e de tradición para Paiosaco.
Colaboran na organización co Concello e a Comisión de Festas de Paiosaco a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e Abanca.

Deja un comentario