
O Concello de Boqueixón pon en marcha visitas guiadas gratuítas ao monte ilicino durante o verán, así como dúas sesións para desfrutar dos atardeceres no Pico Sacro os venres 4 e 11 de xullo
O Pico Sacro é o buque insignia dos recursos turísticos de Boqueixón, e iso que é un dos municipios con maior número de festas de interese turístico declaradas: dúas a nivel autonómico (Entroido dos Xenerais da Ulla en Sergude e Festa das Carrozas do San Cidre no Oural) e unha a nivel nacional (a Festa da Filloa de Lestedo). Por iso, o Concello de Boqueixón ten preparadas tres iniciativas a desenvolver durante este verán para promover o monte ilicino.
A máis novidosa é o concerto que Carlos Núñez ofrecerá no Pico Sacro o próximo 30 de xullo, ás 20:00 horas, dentro da súa xira “Lugares máxicos 2025”. “Será un concerto único e irrepetible nun dos lugares máis máxicos e lendarios de Galicia que tamén se está amosando ultimamente como un recinto excepcional para acoller este tipo de espectáculos”, apunta o alcalde, Ovidio Rodeiro, quen lembra que “se o ano pasado puidemos gozar da espectacular posta en escena do bruxo Queiman, agora é a quenda de Carlos Núñez, que vén de sacar un último traballo, denominado “Celtic sea”, e que vai ter á súa disposición unha montaña que agocha múltiples lendas de orixe celta, como se puido comprobar esta mesma semana coa Cerimonia do Lume Sagrado ou esa que fala dun cabalo branco que se despraza polo ceo ou a traslación celeste do Camiño de Santiago que marcaba a Vía Láctea como o camiño ao alén”.
As entradas para este concerto xa están á venda por 23 euros (IVE e gastos incluídos) na web www.carlosnunez.com. O concerto de Boqueixón será a culminación dunha xira por lugares emblemáticos de Galicia como O Pasatempo de Betanzos, a Colexiata do Sar, o Mosteiro de Oseira ou o castelo de Salvaterra de Miño, entre outros.
Visitas guiadas
Por outra banda, o Concello de Boqueixón levará a cabo nos meses de xuño, xullo, agosto e a ata o 14 de setembro un programa de visitas guiadas e de balde ao Pico Sacro. Uns percorridos de hora e media que terán lugar os venres, sábados e domingos. Neles, as persoas participantes coñecerán polo miúdo unha das montañas máis míticas e coñecidas de Galicia, fonte de innumerables lendas e contos populares, sobre todo o mito relacionado co traslado do corpo do Apóstolo Santiago a Compostela. Ademais, é un miradoiro espectacular da comarca, pois permite divisar ata as torres da Catedral de Compostela.
O punto de encontro é o apartadoiro do monte ilicino, con tres horarios dispoñibles: 12:00, 16:00 e 18:00 horas. A participación é totalmente de balde, se ben por cuestións de organización é preciso inscrición previa no Departamento de Turismo de Boqueixón, ben chamando ao 981 513 061 ben enviando un mail a boqueixonturismo@gmail.com.
Atardeceres no Pico
Ademais, os venres 4 e 11 de xullo, haberá dúas sesións especiais: “Atardeceres no Pico”. Trátase dunha visita guiada na que as persoas participantes desfrutarán dunha espectacular posta de sol dende o cumio do monte ilicino e coñecerán de primeira man as múltiples lendas celtas vinculadas a esta localización. Un espazo que, ademais, ten un importante peso na astronomía, como puxeron de manifesto o ano pasado as xornadas do ciclo “Un mes e Pico”, onde tivera lugar unha observación astronómica dirixida por Jorge Mira.
O punto de encontro para os “Atardeceres no Pico” será tamén o apartadoiro do monte ilicino, ás 20:30 horas. O número de prazas de cada sesión é limitado, polo que é precisa inscrición previa no Departamento de Turismo de Boqueixón, ben chamando ao 981 513 061 ben enviando un mail a boqueixonturismo@gmail.com.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.