Tuesday 24 de June de 2025

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade asina un convenio con 15 universidades co obxectivo de promover o coñecemento e a investigación sobre o patrimonio cultural


A presidenta do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade e alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, presentaron hoxe o acordo de colaboración para o desenvolvemento de iniciativas conxuntas, que “establece un paraugas para realizar accións de formación, investigación, xornadas e cursos en temas relativos á visibilización, promoción e difusión das 15 cidades”.

Tanto Goretti Sanmartín como Antonio López lembraron que a firma deste acordo formaliza unha cooperación entre as cidades do Grupo e as súas universidades de referencia, que xa fora acordada o pasado mes de marzo durante a celebración da Asemblea do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade en Santiago de Compostela.

A presidenta do Grupo remarcou que o obxectivo principal deste convenio é “abrir unha liña de colaboración para traballar sobre cuestións relacionadas co noso patrimonio, realizar actividades culturais que promocionen as 15 cidades e promover sobre todo aquelas cuestións que teñan que ver con formación, cursos e mesmo investigacións que traten a sustentabilidade e os cambios de paradigma en temas como o modelo turístico”.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, contextualizou o convenio afirmando que “son 15 universidades para 15 cidades”, destacando que “se trata dun grupo de universidades importante dentro do panorama universitario español, entre as que se atopan a de Salamanca, a de La Laguna ou a de Illes Balears, e mesmo una delas declarada Patrimonio Mundial como a de Alcalá de Henares”.

O convenio establece entre os ámbitos de colaboración a formación relacionada co patrimonio histórico e cultural, a través dos distintos niveis: Grao, Máster, Doutoramento, e formación posgraduada, de forma especial a través de microcredenciales. Tamén recolle a celebración de xornadas que promovan o achegamento e traballo conxunto entre as Universidades e o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, así como o desenvolvemento de proxectos de investigación que teñan por obxecto a procura de solucións aos problemas que afectan de forma especial ás Cidades Patrimonio da Humanidade en calquera dos ámbitos de coñecemento.

Para profundar nestes aspectos, enuméranse vías de colaboración como a organización de foros, cursos, seminarios, etc, a través dos que se difundan a cultura e o coñecemento dentro dos obxectivos comúns das Universidades e as cidades na que se asentan; a programación de actividades culturais, expositivas ou artísticas nas que se poña en valor o patrimonio histórico e cultural, tanto universitario como doutras entidades, ou o desenvolvemento de actividades que axuden a reforzar a proxección social da Universidade e o seu compromiso coa sociedade no ámbito de patrimonio. Para lograr os obxectivos comúns, concrétase que as actividades se realizarán mediante acordos e convenios específicos de colaboración, a través dos que se especificarán as accións conxuntas e, no seu caso, os medios persoais e materiais necesarios para iso, definíndose así mesmo os compromisos asumidos por cada unha das partes.

Nos acordos posteriores que se desenvolvan ao amparo do convenio asinado hoxe, especificaranse os correspondentes compromisos, obrigacións e dereitos de cada unha das partes, incluídos os de orde económica.

Entre os asinantes do acordo atópanse, ademais da presidenta do Grupo e do reitor de Santiago de Compostela, o Reitor da Universidade de Alcalá, José Vicente Saz Pérez; a reitora da Universidade Católica de Ávila, María de Rosario Sáez Yuguero; o reitor da Universidade de Castela-A Mancha, Julián Garde López-Brea; o reitor da Universidade de Córdoba, Manuel Torralbo Rodríguez; o reitor da Universidade de Estremadura, Pedro M. Fernández Salgueiro; o reitor de IE University, Salvador Carmona Moreno; o reitor da Universitat de Illes Balears, Jaume Jesús Carot Giner; o reitor da Universidade Internacional de Andalucía, José Ignacio García Pérez; o reitor da Universidade de La Laguna, Francisco J. García Rodríguez; o reitor da Universitat Rovira i Virgili, Josep Pallàres Marzal; o reitor da Universidade de Salamanca, Juan Manuel Corchado; o reitor da UNED, Ricardo Mairal Usón; o reitor da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP), Carlos Andradas Herranz; e o reitor da Universidade de Valladolid, Antonio Largo Cabrerizo.

Deja un comentario