
– A alcaldesa, Goretti Sanmartín indica que o obxectivo é “contar coa proposta máis innovadora, máis respectuosa e, por suposto, máis acaída ás características do noso patrimonio para iluminar as prazas da contorna da Catedral”.
– A nova convocatoria, enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística de Santiago, aposta pola sustentabilidade, o respecto patrimonial e a proxección internacional do talento creativo.
O Concello de Santiago de Compostela convoca un Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna monumental da Catedral. Trátase dun certame pioneiro no ámbito do deseño lumínico urbano e patrimonial, cun xurado integrado por persoas especialistas recoñecidas a nivel mundial, e que conta para o seu desenvolvemento co apoio técnico integral da empresa compostelá TRIVIUM
“O obxectivo é acadar un proxecto de iluminación pioneiro, que se axuste ás necesidades do noso patrimonio, ás condicións ambientais desta cidade e que respecte a delicadeza e as sutilezas do ceo nocturno” indicou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, no acto de presentación que tivo lugar simbolicamente na Casa das Máquinas da rúa das Galeras, que funcionou como transformador eléctrico para dar luz á cidade. Ademais, a alcaldesa asegurou que, atendendo aos criterios que se exixen no Concurso, “o resultado final e a súa aplicación no ámbito da contorna da Catedral suporá un antes e un despois para a paisaxe nocturna da zona monumental “.
No acto, participaron tamén a concelleira de Turismo, Míriam Louzao; a directora da oficina técnica do concurso, Cecilia Pereira; e o xestor cultural e consultor do proxecto, Luís Valle. Ao remate, os asistentes puideron participar nunha visita guiada nocturna pola zona obxecto da intervención, guiada polo enxeñeiro Coque Alcázar, ofrecendo unha primeira aproximación á nova experiencia que se busca deseñar.
O concurso enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística de Santiago promovido polo Concello, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. O obxectivo é ‘crear unha iluminación emocional, calmada, saudable e integrada’, que reforce a experiencia nocturna sen alterar a excepcional identidade do espazo. A convocatoria parte dunha visión avanzada que combina criterios técnicos de vangarda, sensibilidade patrimonial e enfoque sustentable, inspirándose nos principios Starlight, Slowlight e DNSH.
O xurado internacional seleccionará a mellor proposta de iluminación para a contorna inmediata da Catedral, un ámbito, como corazón da Cidade Vella e fin do Camiño de Santiago, cun Valor Universal Excepcional e integrada na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. A convocatoria céntrase especificamente nas catro emblemáticas prazas: Obradoiro, Praterías, Inmaculada e Quintana e os seus elementos conectores.
Un xurado de prestixio internacional
Cecilia Pereira, directora da oficina técnica de TRIVIUM para o Concurso, explicou que este “conta cun xurado de primeiro nivel internacional, con persoas expertas nos eidos da iluminación, arquitectura, urbanismo, historia da arte e comunicación que poderán valorar dun xeito equilibrado e integral os valiosos proxectos que, confiamos e desexamos, se presenten a este concurso.”
O equipo de especialistas deste xurado multidisciplinar está formado por:
• David Chipperfield: Arquitecto e urbanista, galardoado cos Premios Pritzker e Stirling. Fundador de estudos de arquitectura en Londres, Berlín, Milán, Xangai e Santiago de Compostela, e creador da Fundación RIA.
• Teresa Táboas: Doutora arquitecta e profesora. Vicepresidenta de Europa Occidental na Unión Internacional de Arquitectura (UIA) e ex-Conselleira de Vivenda da Xunta de Galicia (2005-2009). Foi membro de comisións consultivas de Arquitectura Sostible e Urbanismo do Consello de Arquitectos de Europa/Parlamento Europeo.
• Manuel Antonio Castiñeiras González: Catedrático de Historia da Arte na Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) e Presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.
• Roger Narboni: Fundador do estudo Concepto en París, especializado no deseño de proxectos de iluminación urbana, paisaxística e arquitectónica con máis de 120 Master Plans de cidades en todo o mundo. É tamén autor de publicacións de referencia no campo da iluminación.
• Esther Torelló: Editora da revista Lightecture e Embaixadora en España de Women in Lighting.
Os equipos participantes contarán cun amplo material auxiliar. Neste sentido, Luís Valle de TRIVIUM destacou “o acceso a un Paquete documental exhaustivo e a uns completos Traballos de dixitalización realizados na contorna da Catedral. Esta información permitirá unha comprensión profunda do contexto histórico, artístico, normativo e técnico da zona de intervención, fundamental para o desenvolvemento das propostas”.
En concreto, para este proxecto acometeuse unha representación dixital pormenorizada da contorna da Catedral de Santiago, que partindo do establecemento dunha rede de bases xeorreferenciadas. combinou tres tecnoloxías: fotogrametría aérea (diúrna e nocturna), fotogrametría terrestre e LIDAR terrestre dinámico. “En resumo, concluíu Valle, estudamos, medimos, gravamos, identificamos, describimos e virtualizamos todos os elementos e o espazo para ofrecerlles aos equipos participantes un material de apoio o suficientemente amplo e concreto como para abordar propostas conscientes, adaptadas e responsables coa importancia do espazo, os seus valores e as súas funcións”.
Transparencia, excelencia e compromiso institucional
O concurso desenvolverase en dúas fases anónimas. Valorarase tanto a creatividade e a calidade técnica como a viabilidade económica e a innovación en eficiencia enerxética.
Este concurso contempla o pago de premios aos seis anteproxectos finalistas que obteñan as puntuacións máis altas do xurado. Cada premio ten un importe de 18.150,00 €. Finalizado o concurso, tramitarase un procedemento negociado sen publicidade ao abeiro do disposto no artigo 168 d) da LCSP co proxecto gañador do concurso para levar adiante o contrato de servizo da redacción do proxecto e dirección facultativa da obra de iluminación da praza de Praterías, cun valor estimado de 100.000 euros.
O prazo de entrega das ideas conceptuais será de 60 días naturais a partir do 21 de xuño, o día seguinte da publicación da licitación no perfil do contratante aloxado na Plataforma de Contratación do Sector Público.
Unha convocatoria aberta ao mundo
O concurso está aberto á participación de profesionais nacionais e internacionais, persoas físicas, xurídicas ou equipo, cun enfoque interdisciplinar que integra perfís de arquitectura patrimonial, urbanismo, deseño lumínico e humanidades.
Ademais do prestixio que supón intervir nun espazo tan emblemático como a Catedral de Santiago, o concurso representa unha oportunidade única para profesionais e equipos creativos de todo o mundo, que poderán posicionar os seus proxectos no ámbito da iluminación patrimonial contemporánea, a través dun certame que incentiva a aplicación de tecnoloxías e enfoques innovadores.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.