Tuesday 24 de June de 2025

Os tres grupos do Parlamento apoiaron unha proposta do BNG para tentar desbloquear a situación da seguridade viaria no Couto


BNG, PP e PSdG concordan con que as dúas institucións implicadas deben negociar para resolver os atrancos administrativos que impiden mellorar a seguridade viaria nesta recta da estrada que comunica Santa Cruz con Mera

A Comisión 2.ª do Parlamento Galego debateu o pasado xoves 19 de xuño a situación da seguridade viaria da estrada AC-173 no treito que atravesa O Couto, en Oleiros. A veciñanza desta zona leva anos reclamando medidas que permitan a circulación peonil en condicións axeitadas, xa que este treito é de velocidade máxima de 70 km/hora e nas proximidades non hai pasos de peóns que permitan atravesar con suficiente seguridade.

Durante moito tempo, a veciñanza manifestouse todos os luns para reclamar estas medidas, elevaron as súas reivindicacións tanto ao Pleno do Concello de Oleiros como ao Parlamento de Galiza, da man do BNG. A Consellaría de Infraestruturas alegara, na lexislatura pasada, informes técnicos para xustificar a súa negativa a facer estas mudanzas. Trátase dunha vía de titularidade autonómica, polo que debería ser esta administración a que se fixese cargo da seguridade viaria.

A administración galega ofreceulle ao Concello de Oleiros a transferencia da titularidade da vía, mais o Concello non a aceptara até agora. No último Pleno de Oleiros, o Alcalde afirmou que se faría cargo da instalación dun paso de peóns, tras negociacións co goberno galego, polo que o BNG presentou unha emenda á proposición non de lei que defendía o PSdG na Comisión 2.ª. A proposta nacionalista defende unha solución acordada entre as dúas institucións, en vista de que parece existir vontade de entendemento.
No debate, os tres grupos concordaron en que as diferenzas entre grupos políticos non poden supor un problema para a xestión dos problemas da veciñanza, polo que este novo clima de entendemento é imprescindíbel.

As veciñas e veciños do Couto, ademais das concentracións e de contactar con todos os grupos políticos para solicitaren o seu apoio, dirixíranse á Valedora do Pobo para demandar unha solución.

Desde o BNG, queremos agradecer ás veciñas a súa insistencia para tentaren conseguir unha solución xusta para un problema de seguridade viaria que ten moito que ver cun obxectivo que tamén compartimos, o de conseguir unha mobilidade xusta que non só pense nos desprazamentos en vehículo particular.

Deja un comentario