
— A Xunta inicia así o procedemento, que supón xa a salvagarda e protección deste patrimonio, que forma parte da colección numimástica do galego Antonio Orol
— Constitúen emisións únicas que conforman un testemuño material e documental da presenza do Reino Suevo en Galicia e do medievo renacentista
— A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten agora 24 meses para completar o expediente, que precisará de informes favorables de dous órganos consultivos
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a incoación para declarar Ben de Interese Cultural sete moedas históricas de Galicia, que forman parte da colección numimástica do galego Antonio Orol, polo seu valor sobranceiro. O inicio deste procedemento por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude supón a inmediata salvagarda e protección deste patrimonio.
Tal e como se recolle na incoación, o expediente elaborado polos técnicos da Dirección xeral de Patrimonio Cultural valora que estas sete moedas son emisións “raras e únicas” que constatan a presenza do Reino Suevo en Galicia e do medievo renacentista, das cales non se coñece ata o momento outros exemplares iguais e que, ademais, non están presentes en ningún museo galego, español ou do mundo.
En concreto, abranguen desde o período do reino suevo e visigodo, así como do período dos Reis Católicos e do reinado de Felipe II e, segundo salienta a documentación deste procedemento, “a totalidade das moedas históricas obxecto da incoación presentan un excelente estado de conservación”.
Emisión única cun valor cultural senlleiro
Cómpre salientar que, entre as sete moedas, se atopa unha emisión única, que constitúe unha das poucas testemuñas material e documental auténticas da existencia do Reino Suevo en Galicia, á que os técnicos lle recoñecen “un valor cultural senlleiro” polas súas características artísticas.
Ademais, tamén se destacan dúas pezas cuñadas na Coruña de “gran valor cultura e de rara cuñación”. Así, o informe de incoación recolle que ningún museo de Galicia conserva entre as súas coleccións un exemplar de ditas dimensións, o que supón, segundo advirten os expertos, un importante baleiro á hora de documentar.
Consecuentemente, a declaración de Ben de Interese Cultural da totalidade das sete moedas na categoría de obxecto moble singular, suporalles a protección patrimonial exixida polo seus valores históricos, artísticos, culturais e tamén identitarios e territoriais, xa que plasman con singular relevancia o seu vencellado coa Gallaecia histórica.
Prazo de 24 meses para completar o expediente
A publicación desta incoación supón abrir, a partir de mañá, un período de información pública durante un mes, no que se poden presentar alegacións, e que a Administración autonómica proceda a solicitar o ditame dos órganos consultivos, xa que se debe contar con dous favorables para a declaración de Ben de Interese Cultural. Deste xeito, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conta co prazo de 24 meses para completar este expediente.
Debido á relevancia destas moedas para o patrimonio cultural de Galicia, a Xunta xa lle ten solicitado ao Ministerio de Cultura que emita a Orde que as declare inexportables, como medida cautelar previa ata que se incoe o procedemento de declaración de Ben de Interese Cultural. Desta forma, trátase de evitar a súa posible saída do país e unha perda artística e documental inestimable.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.