
Varios municipios da zona ofertan durante as vacacións actividades do programa CODI organizado polo Ministerio de Xuventude e a Fundación Cibervoluntarios
O Concello de San Sadurniño ofrecerá en agosto un dos campamentos dixitais gratuítos do programa estatal de fomento das competencias dixitais na infancia -CODI-, promovido polo Ministerio de Xuventude por medio da Fundación Cibervoluntarios. As actividades diríxense a rapazada e adolescentes de entre 9 e 17 anos. Terán lugar na Aula CeMIT repartidas en dous grupos por idades: do 11 ao 28 de agosto para a cativería de 9 a 13 anos, e do 12 ao 29 de agosto para o grupo de mozas e mozos de 14 a 17. As sesións son todas de mañá, de 09:00 a 14:00h. As inscricións xa están abertas a través do teléfono ou WhatsApp no 616 016 793 ou enviando un correo a cemitsansadurnino@xunta.gal.
O campamento inclúe actividades, retos e misións adaptadas a cada idade co obxectivo de fomentar un uso seguro, crítico e creativo das tecnoloxías. A rapazada aprenderá a manexar ferramentas para crear contidos, recoñecer información fiable, coidar a súa privacidade e moito máis. Todo nun ambiente dinámico e participativo.
Para os nenos e nenas máis pequenas, de 9 a 13 anos, os contidos céntranse en aspectos como a busca de información útil en Internet, a creación de contrasinais seguros ou a detección de noticias falsas. No programa tamén hai oco e materiais para falar de ciberacoso, tempo de pantallas e sobre as normas básicas de comportamento nas redes.
No caso do grupo de 14 a 17 anos, os temas tratarán cuestións máis avanzadas como a reputación en liña, os hábitos de benestar dixital e o uso responsable das redes sociais. Tamén se abordarán ferramentas dixitais para a procura de emprego e protección de datos persoais, aspectos clave nesta etapa da vida.
Esta iniciativa a medio camiño entre o lecer e a formación chega a San Sadurniño grazas ao programa estatal CODI, promovido polo Ministerio de Xuventude e Infancia a través da Fundación Cibervoluntarios. Será unha oportunidade perfecta para que a mocidade se forme e divirta ao mesmo tempo durante as vacacións de verán, adquirindo competencias clave para o seu futuro persoal e profesional.
A participación é totalmente gratuíta e cada grupo terá as súas datas específicas: as pequenas e pequenos asistirán os días 11, 13, 15, 26 e 28 de agosto, mentres que as mozas e mozos asistirán os días 12, 14, 25, 27 e 29 de agosto.
As inscricións están xa abertas ata completar as prazas dispoñibles, que son limitadas, polo que se recomenda anotarse canto antes. Só hai que contactar co Aula CeMIT do Concello de San Sadurniño a través do teléfono ou WhatsApp no 616 016 793, ou ben enviar un correo electrónico a cemitsansadurnino@xunta.gal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.