Tuesday 24 de June de 2025

O Centro de Atención á Discapacidade da Pobra despide o seu programa de educación ambiental tras atender a 74 familias


· A iniciativa é froito dun convenio de colaboración entre CAD e a empresa DS Smith Cartogal.

A través do Centro Integral de Atención á Discapacidade (CAD) da Pobra, o Concello acaba de despedir un importante proxecto no que se misturaron educación e conciencia medioambiental. A iniciativa, que arrincou en abril do 2024, estivo dirixida tanto a nenos e nenas como a adultos usuarios do CAD. En total, foron 74 as familias que tomaron parte nesta experiencia.

A concelleira de Servizos Sociais, Amparo Cerecedo, subliñou a función rehabilitadora do programa, no que “o persoal do CAD puido traballar con aqueles cativos e cativas con problemas de integración sensorial”. Con todo, tal e como explicou a edil, este non foi o único obxectivo, senón que tamén se logrou “xerar conciencia entre os usuarios e usuarias sobre a importancia de coidar e respectar as contornas naturais”.

A proposta pechouse, hai uns días, cunha xornada convivencial no local social de Postmarcos. Durante a clausura, os pequenos e pequenas e os seus familiares participaron en actividades como unha merenda sensorial, talleres de confección de hoteis para insectos, interacción cos animais da zona ou plantacións de árbores froiteiras nas inmediacións da instalación. Unha das iniciativas coa que máis gozaron foi o camiño sensorial, no que tiveron ocasión de camiñar descalzos sobre diversas texturas como terra, flores e follas.

Balance do plan

Como parte deste proxecto socioeducativo e ambiental realizáronse 19 saídas a espazos naturais, 22 sesións individualizadas e outras 22 a nivel grupal. Entre as distintas accións que se organizaron houbo obradoiros de estampado con flores e follas, xornadas de limpeza para retirar a basuraleza, para promover o uso de materiais de refugallo e actividades de grafía na praia coa que os nenos e nenas usaron a area para escribir os seus nomes.

O programa fíxose dentro do marco dun convenio de colaboración entre o Centro de Atención a Discapacidade e a empresa DS Smith Cartogal. A edil de Servizos Sociais agradeceu a colaboración da compañía, así como da Comunidade de Montes de San Isidro por ceder o uso da contorna do local social para a actividade de peche.

Deja un comentario