
Anímase á cidadanía a compartir os contidos empregando o hashtag #ALarachaOrgullosa.
O Concello conmemorará ao longo de toda a semana o Día Internacional do Orgullo LGTBI cunha nova edición da campaña #ALarachaOrgullosa, iniciativa que reafirma o compromiso municipal coa igualdade, a convivencia e o respecto á diversidade.
Desde hoxe e ata o 28 de xuño, as redes sociais do Concello (paxinas de Facebook e de Instagram) acollerán a difusión dunha serie de cinco vídeos breves protagonizados por veciños e veciñas da Laracha que comparten reflexións persoais sobre a diversidade, o respecto e a loita contra a LGTBI-fobia. A campaña culminará cun vídeo final conxunto que recolle a esencia desta acción participativa e inclusiva.
Os cinco vídeos están protagonizados por persoas que representan á veciñanza larachesa (Soraya, residente no termo municipal), ao tecido asociativo (Rubén e Diego, de Adro de Vilaño) e aos clubs deportivos (Richard do Club Xuventude Laracha e Ana do Club Patín Conxuro).
Cada peza audiovisual remata cunha mensaxe de apoio e coa lembranza do Teléfono Arcoíris (028), liña gratuíta, anónima e confidencial de atención fronte á discriminación e aos delitos de odio por razón de orientación ou identidade sexual.
Desde o Concello faise un chamamento á veciñanza para compartir os contidos empregando o hashtag #ALarachaOrgullosa, promovendo entre todas e todos a construción dun municipio máis diverso, respectuoso e libre de discriminacións.
Con esta campaña, o Concello continúa avanzando na defensa dos dereitos LGTBI e na sensibilización social cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.