
A iniciativa ten por finalidade mellorar o coñecemento dos idiomas, a socialización e a independencia das persoas inmigrantes residentes na Larahca.
A Laracha acolle é un programa impulsado polo Concello que ten por finalidade a inclusión social e cultural das persoas inmigrantes empadroadas no termo municipal, e en especial do colectivo das mulleres.
Componse de dúas liñas de acción complementarias entre si, consistentes nun taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia e no espazo de expresión e participación cultural Exprésa-T, no que se celebran sesións todos os venres.
Dentro dese espazo Exprésa-T, parte das mulleres participantes realizaron unha visita cultural pola vila de Caión para animar a esas persoas que levan pouco tempo residindo na Laracha a coñecer o termo municipal.
Esta saída fíxose como clausura do programa, que neste ano alcanzou a cuarta edición. Participaron dez mulleres residentes na Laracha e procedentes de Brasil, Colombia, Portugal, Ucraína e Marrocos. Desde o pasado mes de outubro o programa desenvolveuse en tres sesións semanais: unha para o grupo de iniciación, outra para as participantes de nivel medio e a outra, os venres, conxunta para ambos grupos.
O Concello prevé organizar a quinta edición desde o próximo outono tralo éxito das experiencias anteriores, nas que se logrou que os participantes mellorasen o seu nivel de coñecemento do castelán e do galego, puidesen socializar con outras persoas e que as mulleres incrementasen o seu grao de independencia.
A Laracha acolle é unha iniciativa ideada e organizada polo Concello co apoio económico da Deputación da Coruña dentro do programa POS+ de gasto social.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.