
O executivo municipal deu luz verde ao expediente de licitación das obras de urbanización exterior da Plataforma Loxística, que teñen un orzamento base de 629.181,26 €. Esta licitación, indicou Louzao, “deriva das condicións que recolle o Plan especial de infraestruturas e dotacións para a creación dunha plataforma loxística de intercambio de mercadorías no sistema xeral SU3, Tambre Norte, aprobado polo Pleno do Concello o 11 de outubro de 2023, sobre as vías de acceso, manobra e estacionamento, ademais das medidas complementarias para a integración cos elementos que bordean o ámbito e a axeitada conexión co sistema viario e coas infraestruturas de servizos”.
De acordo co proxecto, a conexión co centro loxístico inclúe unha glorieta na que conflúen a Vía de La Cierva co eixo do recinto loxístico. Amplíase a sección da calzada existente, con dous carrís, un por cada sentido, de 3,5 m de ancho e beiravía de 0,5 m pola marxe esquerda (oeste) e unha zona de aparcamento de ancho 2,2 m e beirarrúa de 2 m polo marxe dereita (leste), de forma que o ancho total da plataforma será de 12 m.
A beirarrúa da marxe dereita será de formigón coloreado para integrarse coa senda peonil prevista desde o Polígono do Tambre ata o Centro Sociocultural da Gracia (aprobada na XGL o 9.09.2024) pola marxe esquerda da Vía de La Cierva.
A actuación inclúe tamén a rede de saneamento separativa, a rede de abastecemento, a canalización eléctrica de media e baixa tensión e a rede de telecomunicacións.
Foi hoxe tamén á Xunta de Goberno a revisión da memoria técnica para a reposición da estanquidade da cuberta plana posterior do Polideportivo do CEIP Pío XII. O proxecto inicial de decembro de 2024, lembrou a edila, tiña un orzamento de execución material de 50.967,36 pero a licitación quedou deserta. En consecuencia, encargouse unha revisión, que recolle un axuste nos custos da man de obra para adaptalos ás condicións do mercado que afecta oito unidades de obra. A execución material valórase nesta modificación en 69.067,96 €, o que supón un orzamento base de licitación de 99.494,15 € (IVE incluído). Procede agora, sinalou Louzao, tramitar un novo expediente de licitación.
No ámbito das licitacións, a concelleira tamén fixo referencia a outras dúas: o fornecemento de combustible para os vehículos do parque móbil municipal, cun orzamento máximo de 270.926,59 € para un período de dous anos; e a subministración e posta en marcha de 44 ordenadores de sobremesa cos correspondentes monitores para varios centros socioculturais do ámbito rural, cun orzamento base de 27.418,60 euros financiado polo Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS+ Adicional 2/2024 2ª fase).
Sentenzas
Míriam Louzao deu conta da toma de coñecemento por parte da Xunta de Goberno da sentenza da Sala do Civil do Tribunal Supremo, favorable ao Concello, na acción reivindicatoria de dúas estatuas integrantes do patrimonio artístico público atribuídas ao mestre Mateo e procedentes do pórtico exterior da Catedral. “Como xa é coñecido, o Concello, en novembro de 2017, promoveu unha acción contra a familia Franco para recuperar estas esculturas románicas adquiridas en 1948 ao conde de Ximonde segundo a escritura pública outorgada o 4 de xuño dese ano e que en 1954 foron enviadas á residencia de verán do ditador, o Pazo de Meirás, debido ao interese amosado pola súa muller nunha visita que fixo ao Pazo de Raxoi”, lembrou.
O Xulgado de Primeira Instancia número 41 de Madrid rexeitou integramente esta demanda en febreiro de 2019 por non considerar identificados os bens cuxa titularidade se reclamaba nin o seu carácter demanial. O Concello interpuxo un recuso de apelación que tamén resultou rexeitado nunha sentenza de decembro dese mesmo ano pola Audiencia Provincial de Madrid que, porén, aceptaba parte do argumentario do recurso municipal ao afirmar que as estatuas formaban parte do patrimonio histórico do Concello e que, como tal, serían imprescriptibles e limitadamente alleables, “mais non consideraba acreditada a identidade entre as estatuas reclamadas e as que se atopaban en poder dos Franco”.
En xaneiro de 2020, con base nun informe da Asesoría Xurídica municipal, a Xunta de Goberno Local autorizou a interposición de dous recursos extraordinarios: un por infracción procesual baseado en que a resolución que rexeitaba a demanda se baseaba nun feito non negado no momento procesual oportuno pola parte demandada e, polo tanto, “se vulnerara o dereito á tutela xudicial efectiva por erro patente na valoración dos medios de proba incorporados ao proceso”; e un recurso de casación fundamentado en que infrinxiran os principios de inalienabilidade e imprescriptibilidade dos bens.
Como sinalou a concelleira, “a sentenza estimou o primeiro deste recursos e non entrou xa a examinar o recurso de casación, declarando que as dúas esculturas románicas atribuídas ao Mestre Mateo pertencen ao Concello de Santiago e deben ser restituídas”. O Tribunal tamén se pronuncia sobre as custas e condena a familia Franco a pagar as derivadas da primeira instancia, sen impoñer outras derivadas do recurso extraordinario. A sentenza non é firme pero non cabe contra ela ningún recurso ordinario.
Ademais da importancia patrimonial, social e política que esta sentenza ten, a edila fixo fincapé en que se trata dun “fito moi importante no labor da Asesoría Xurídica Municipal, que está obtendo resultados moi favorables aos intereses do Concello desde a súa municipalización. É xusto mencionar nestes éxitos as persoas que ata o momento ocuparon o posto de dirección desta unidade municipal, que, ademais, foron os artífices das demandas formuladas neste caso e da estratexia xurídica que se seguiu: Xaquín Monteagudo e Manuel Cutrín”.
Na Xunta de Goberno deuse conta tamén doutra sentenza favorable ao Concello de Santiago a respecto da impugnación por parte do Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Galicia de dúas instrucións do Servizo de Licenzas e Disciplina Urbanística do 30 de xuño e do 1 de decembro de 2022 a respecto de criterios que deben seguirse na tramitación de proxectos para envolventes de edificios residenciais e de obras parciais en ámbitos suxeitos a protección patrimonial. A resolución baséase en que as instrucións non delimitan nin regulan as competencias dos diferentes profesionais nin innovan, polo tanto, o ordenamento xurídico, senón que se limitan a establecer as pautas de aplicación das normas existentes a respecto de que cualificación profesional se esixe para determinado tipo de proxectos.
Así mesmo, a Xunta de Goberno acordou tamén que o Concello se presente como parte interesada no contencioso formulado pola promotora dunha vivenda de uso turístico na rúa de Entremuros, 6, contra a resolución da Axencia de Turismo de Galicia pola que se cancelou a súa inscrición no REAT.
Subvencións
Nos puntos relativos a subvencións, aprobáronse os convenios que rexen as axudas nominativas previstas no orzamento deste exercicio para a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Saúde Mental FEAFES GALICIA) cunha contía de 60.000 €; para a Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer (AGADEA) por 3.000 €; para a Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais cunha contía de 5.000 €; e para a Asociación Galega de Asperger (ASPERGA) por contía de 10.000 €.
Licenzas
No que respecta ás licenzas, outorgáronse as correspondentes ás seguintes obras: para a reparación de cuberta do edificio do Colexio San Clemente, sede do IES Rosalía de Castro. Esta obra, que promove a Consellería de Educación, ten un orzamento de execución material de 482.874,59 € e un prazo de 4 meses; para a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar acaroada na travesía de Santa Marta de Abaixo, 27; para a construción dun alpendre na rúa de Guadalupe, 17; para a construción de once vivendas unifamiliares acaroadas na rúa do Churruchao, na Rocha Vella; para a reforma do portal e supresión de barreiras arquitectónicas no edificio sito na rúa Xeneral Pardiñas, 28; e para a demolición de dous edificios na avenida de Rosalía de Castro, 120 e 122 e de un edificio de 3 vivendas e 1 local comercial situada na avenida do Mestre Mateo, 7.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.