
Todo está listo xa para a grande xornada deportiva deste domingo 29 de xuño, día en que San Sadurniño acollerá a IV BTT, o II Trail de Montaña e o I Cross para a rapazada. Probas todas elas con saída e chegada no arboreto da Cortiña e con percorridos con distintos niveis de esixencia. O prazo de inscrición nas rutas en bici todo terreo permanece aberto até as doce da noite do xoves 26 na web da Federación Galega de Ciclismo, mentres que as inscricións para o trail e para a carreira de campo a través finalizan este martes 24 tamén ás doce da noite, neste caso a través da web emesports.es. Camiños e pistas de San Sadurniño, Naraío, Ferreira e Igrexafeita -e mesmo doutros concellos, como Neda, Moeche e As Somozas- serán escenario da competición raíña, a BTT, con 61 quilómetros de distancia no seu trazado longo. Todo un desafío para as e os deportistas que o Concello e o club Biela e Chaveta, coorganizador do evento, pretenden consolidar como un atractivo turístico máis do municipio.
Os trazados das tres probas que se van disputar o domingo están xa sinalizados con marcas de dirección pintadas sobre o chan das pistas principais que se van cruzar. Así, as frechas verdes correspóndense
Por outra banda están as frechas amarelas, que indican o percorrido de lonxitude intermedia da BTT, de 50 quilómetros de distancia e un desnivel positivo de 1.104 metros.
E, por último, as liñas de dirección vermellas, que marcan o trazado da ruta BTT longa, de 63 quilómetros e un desnivel positivo acumulado de 1.600 metros.
Todos estes sinais que se atopan no asfalto compleméntanse con indicadores verticais de vinilo sobre postes de madeira que teñen triángulos e números que nos marcan o camiño que debemos seguir dependendo da proba na que esteamos participando: os indicadores co 1 para a BTT longa, os que teñen o 2 para a BTT media e os que teñen o 3 para a BTT curta e máis o Trail. O feito de que haxa un triángulo con dous ou tres números significa que se trata dun tramo compartido polas probas ás que correspondan.
Ademais, no caso do Trail, Biela e Chaveta tamén colocou indicadores verticais azuis naqueles cruzamentos importante onde poida haber calquera tipo de dúbida. O club ciclista local leva varias semanas traballando duro para trasladar ao terreo os circuítos que tiñan deseñados no mapa -que coñecen á perfección-, pero tamén para limpar e acondicionar o paso naquelas zonas máis complicadas.
O obxectivo da entidade con este esforzo, compartido polo Concello, é “deixar as rutas preparadas para que poidan desfrutarse todo o ano e non só con motivo da competición deste domingo”, apunta o concelleiro de Deportes, Manel Martínez Pérez. O edil engade que a BTT e o Trail “son disciplinas polas que hai cada vez máis afección, e San Sadurniño ofrece lugares ideais para a súa práctica. Ademais aquí coidámonos moito de que vaian por pistas e camiños forestais, sen meterse en propiedades privadas, para que haxa boa convivencia do deporte e os usos do monte”.
Actividades para familiares e acompañantes
As inscricións nas distintas probas que se disputarán o domingo están abertas desde hai semanas. Na BTT van apuntadas 91 persoas e aínda quedan dous días de prazo -ata as 23:59 do xoves 26-, cun prezo de 15€ as persoas federadas e de 27€ as non federadas.
No Trail anotáronse xa 101 corredoras e corredores e no Cross para a rapazada de momento só van 8 inscricións, razón pola que o Concello sopesa agrupar todas as categorías nunha única carreira, que discorrerá sen saír do arboreto da Cortiña. En calquera caso, as inscricións do Cross (5€) e do Trail de Montaña (15€ o longo e 10€ o curto) poden facerse ata as 23:59h deste martes 24 de xuño.
Os dorsais poderán retirarse no Decathlon de Ferrol durante a tarde do sábado, ou ben na Cortiña o propio día das probas.
Nas inscricións pode marcarse tamén o importe do xantar -15€ por persoa, gratis menores de 12 anos- tanto para deportistas como para as persoas acompañantes, ás que se lles ofrecen a maiores outras actividades complementarias.
Neste sentido, aquelas que o desexen disporán dun tícket para a piscina o domingo a partir das 12:00h, pero tamén se ofrece como alternativa de lecer unha visita guiada ao castelo de Naraío e ao Forgoselo para descubrir os elementos culturais e naturais asociados ao Xeoparque do Cabo Ortegal. Ademais tamén se fará parada no avituallamento de Pielas para ver o paso do Trail de Montaña e da BTT. A saída está posta para as 09:00h en vehículos particulares desde o arboreto da Cortiña, punto de saída e chegada de todas as carreiras do domingo.
Información e inscricións para a IV BTT Concello de San Sadurniño
Información e inscricións para o II Trail de Montaña Concello de San Sadurniño
Información e inscricións para o I Cross Concello de San Sadurniño
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.