A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio asinou esta mañá un convenio, co fin de colaborar na organización e celebración de eventos piscícolas como, o Campionato do Mundo de Salmónidos Mosca nos ríos Ulla, Eume, Xallas, Mandeo e Anllón, que se celebra por primeira vez na Comunidade galega
A nova tempada de pesca fluvial en Galicia comeza este domingo, 20 de marzo, cunha oferta de 300.000 permisos de captura nos coutos fluviais da Comunidade, unha cifra similar á da tempada pasada. Así todos os interesados deberán contar coa correspondente licenza e co permiso oportuno para poder capturar troita –a partir deste domingo-; mentres que para a pesca do salmón e o reo haberá que esperar ata o vindeiro 1 de maio.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou esta mañá –durante a sinatura dun convenio para a celebración e divulgación de campionatos e eventos piscícolas- que este ano en Galicia haberá 149 coutos, un máis que na tempada pasada, ao engadirse este ano o couto de Carboeiro no río Deza, nos municipios de Silleda e Vila de Cruces. Tamén engadiu que se conta con 68 tramos libres habilitados para a modalidade de pesca sen morte, dos cales 12 son novos e localízanse catro na provincia da Coruña (nos ríos Anllóns, Quenxe, Sóñora e Bardoso), un na de Lugo (no río Requeixo), na de Ourense tres (nos ríos Edo, Loña e Salas) e, por último, catro máis na provincia de Pontevedra (no río Verdugo e no Xabriña –tres tramos neste último–).
Por outra banda, a conselleira sinalou que tamén é necesario vedar a práctica da pesca en varios tramos, como medida de protección para a poboación piscícola dos mesmos; unha decisión que complementa a actividade de repoboacións dos ríos galegos, co obxectivo de reforzar a presenza de salmónidos en Galicia. Neste sentido, lembrou que nos últimos anos liberáronse preto de 465.000 salmónidos en distintas fases do seu ciclo vital.
A conselleira manifestou que o coñecemento e posta en valor da nosa contorna natural e biodiversidade é un paso importantísimo para a súa protección, polo que a pesca aglutina estas vantaxes: ofrece coñecemento sobre o medio natural e o comportamento dos peixe e tamén ten potencialidade como dinamizador da contorna e do turismo de natureza.
Convenio de colaboración
A responsable de Medio Ambiente e o presidente da Federación Galega de Pesca, José Manuel Rey Alvela, asinaron un convenio de colaboración en materia de actividade piscícola, que posibilitará a celebración e divulgación de campionatos e eventos relacionados coa actividade piscícola en Galicia.
Deste xeito, a Consellería colaborará na celebración de cinco citas, entre as que destaca o Campionato do Mundo de Salmónidos Mosca Xuventude nos ríos Ulla, Eume, Xallas, Mandeo e Anllóns, “unha proba que se celebra por primeira vez na nosa Comunidade”.
Tamén se inclúe o Campionato de España de Salmónidos Mosca Xuventude, no mes de xullo; e a actividade Pescaprendo, pensada para difundir a práctica da pesca sen morte para os nenos e que se celebrará en xuño de 2016 en Silleda.