Monday 23 de June de 2025

O Concello de San Sadurniño recibe comunicacións para 180 lumeiradas de San Xoán e San Pedro


O Concello de San Sadurniño trasladoulle o venres ao Distrito Forestal a relación de comunicacións previas efectuadas pola veciñanza para faceren fogueiras do San Xoán e do San Pedro, coñecidas tamén como “saltas” polo costume de chimpar por enriba do lume para espombar a mala sorte. En total recibíronse 180 escritos, na súa maioría para lumeiradas domésticas que se desenvolverán esta noite, aínda que tamén as haberá na noite do sábado. Canda as comunicacións de particulares, houbo polo menos tres que fixeron entidades veciñais: o Castelo de Narahío -que xa queimou o sábado-, a ACRD Santa Mariña do Monte, que celebra o San Xoán desde esta tarde, e a AVV Adiante de Igrexafeita, que se xuntará o sábado á noitiña, día no que tamén hai festa do San Paio/San Pelaio en Ferreira de Abaixo.

A salta do San Xoán de Santa Mariña do Monte celebrarase no local social da Golpilleira e arrancará ás 18:30h coa actuación o grupo de voces e pandeiretas As Caldupeiras, integrado por mozas e mozos de distintos puntos da comarca. Ás 20:00h, aínda con día, comezará a cea a base de empanada, churrasco e chourizos asados, todo acompañado de pan e bebida, ademais da queimada posterior. O prezo son 20€ para as persoas socias e 23€ para as que non pertenzan á entidade. Hai que apuntarse antes chamando ao teléfono 630 811 062 ou ao 607 619 310.

En Igrexafeita deixan o lume para a noite do sábado 28. O encontro está posto para as 21.00h no local social da Torre. Como aperitivo terán o espectáculo de clown Duendecirco e antes de prende-la cacharela comeranse sardiñas e chourizos -ademais de pan, bebida e doce de sobremesa-, ao prezo de 3€ as persoas socias da AVV Adiante e 8€ as que non o sexan.

Para asistir á salta de Igrexafeita -na que adoita reencontrarse boa parte da parroquia- hai que anotarse este mércores como moi tarde nos teléfonos 696 912 975 ou ao 650 484 580.

Ferreira de abaixo inaugura este sábado as festas estivais
E en paralelo coas cacharelas, Ferreira estreará este sábado o calendario festivo do verán honrando ao San Paio (ou San Pelaio). A cita incluirá misa, sesión vermú, xantar popular, hinchables e festa da espuma pola tarde e unha gran verbena á noite.

A comida inclúe un menú completo con paella, churrasco, sobremesa, bebidas e tamén opción infantil. Os prezos son os seguintes: 30€ as persoas adultas, 12€ a rapazada de 9 a 13 anos e de balde para as nenas e nenos até 8 anos. Quen queira poderá cear pan chourizo e liscos ao prezo único de 10€.

Hai que anotarse contactando cos teléfonos 669 287 134, 686 490 017 ou 619 481 173. Tamén se poden mercar os tíckets no Bar del Palacio -San Sadurniño- ou no bar da Chabola, en Ferreira de Arriba.

Recomendacións para as lumeiradas do San Xoán e o San Pedro
Para que a festa do lume sexa iso, unha festa chea de tradicións e non o foco dun disgusto, non está de máis recordar as precaucións que debemos tomar:

Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada, nin preto de lugrares con vexetación ou a menos de 10 metros de tendidos eléctricos ou telefónicos
Non se poden facer lumeiradas preto de locais ou depósitos que conteñan materiais inflamables, nin tampouco preto de infraestruturas e elementos -públicos ou privados- que poidan verse afectados
Non está permitido prender a fogueira se existe un exceso de vento
Cómpre evitar usar nas fogueiras materiais que xeren grandes charamuscas (pólas de eucalipto con follas secas, papeis, etc…) que poden chegar acesas moi lonxe
É necesario ter auga preto para actuar ante posibles escapes
Non se permiten empregar na fogueira materias contaminantes (pneumáticos, aerosois…)
Cómpre deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)
As herbas do San Xoán: tradición, maxia e saúde natural
Nesta noite do San Xoán, a tradición manda recoller sete herbas diferentes —como o felgo macho, a herba luísa, a malva, a fiúncho, a ruda, o hipérico ou a artemisa (herba de Nosa Señora)— que, segundo a sabedoría popular, teñen propiedades protectoras, curativas e mesmo adiviñadoras. Non hai maneira de establecer cales son as sete herbas que cómpre mesturar, xa que cada zona ten as súas e os seus costumes e incluso aquí en San Sadurniño, dependendo a quen se lle pregunte, atoparemos receitas máxicas variadas.

No que si coincide toda Galicia é na tradición de colleitalas no serán do día 23, antes do solpor, e logo botalas nun recipiente con auga limpa -preferiblemente de manancial- que se deixará toda a noite ao relento. O día do San Xoán pola mañá cedo, a auga usarase para lavar a cara, como xeito de afastar os malos espíritos, protexerse dos meigallos e asegurar saúde e sorte durante todo o ano.

Ademais do seu uso ritual, moitas destas herbas teñen propiedades medicinais recoñecidas. A herba luísa é boa para as dixestións, o fiúncho calma as toses e o hipérico é usado como antidepresivo natural. Aínda que a maxia e a fe popular fan parte importante do rito, non está de máis lembrar que moitas desas plantas foron base da medicina tradicional. Así, celebrar o San Xoán tamén é unha forma de reconectar coa terra, co saber ancestral e con nós mesmas.

Deja un comentario