
Oleiros prepárase para unha gran noite de festa o luns en todas as localidades do municipio. En total, hai solicitadas 506 autorizacións para realizar fogueiras nas zonas permitidas.
Para evitar a contaminación da praia, porase leña a disposición da veciñanza gratuitamente a partir das 20:00 horas nas praias de Bastiagueiro –accesos-, Santa Cristina –caseta de socorrismo-, Santa Cruz –praza do Castelo- e Mera –zona do peirao-. Policía Local, Garda Civil e o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil realizarán un importante despregue para impedir a queima de elementos tales como palés, sofás e calquera tipo de obxecto que poida conter cravos. Tamén estará prohibida a introdución de botellas de cristal ou calquera elemento que conteña vidro.
Para poder realizar as correspondentes tarefas de limpeza, as praias deberán estar desaloxadas ás 4:00 h da madrugada. Ao día seguinte, todos os areais estarán accesibles con normalidade agás Bastiagueiro, que estará dispoñible a partir das 12:00 horas, aproximadamente.
Para evitar danos persoais e materiais, o Concello lembra a importancia de cumprir as normas establecidas.
– As persoas solicitantes atenderán as indicacións e requirimentos da Policía Local, Garda Civil e do Servizo de Emerxencias e Protección Civil.
– As persoas solicitantes deberán coidar os arredores da fogueira.
– O desenvolvemento das fogueiras deberá axustarse ao permiso concedido.
– O volume máximo das fogueiras en zonas urbanas non excederá os 5 metros de perímetro, nin un metro de altura. En zonas rurais, o volume da fogueira non excederá os 3 metros de perímetro nin os 3 metros de altura.
– Porase especial coidado de non situalas debaixo dos tendidos eléctricos, telefónicos ou outros.
– Non se poderán queimar plásticos, gomas ou calquera outra substancia que ao arder desprenda fume tóxico.
– No caso de que unha fogueira se faga sobre terreos de uso público, nunca se poderá facer directamente sobre zonas pavimentadas nin axardinadas.
– Ao finalizar a fogueira e antes de abandonar o lugar, as persoas responsables encargaranse de que a fogueira quede completamente apagada. Será obrigatorio limpar o espazo da fogueira ao rematar a actividade, deixando o espazo na súa situación previa.
– Nos espazos públicos, e en especial nas praias, as fogueiras colocaranse en liña, afastadas do mobiliario e, en ningún caso se poderán queimar táboas con puntas nin elementos que puidesen causar danos ás persoas usuarias das praias, e non se permitirá acceder a eles con ningún tipo de mobiliario (cadeiras, sofás etc.) nin con vidro, nin cristais.
– Nas praias, as fogueiras non se poderán instalar antes das 20:00 horas e rematarán, todo máis tardar, ás 4:00 horas.
– En todos os lugares públicos autorizados a actividade cesará ás 4:00 horas.
PUNTOS VIOLETAS
Con motivo da celebración do San Xoán este vindeiro luns pola noite, o Concello de Oleiros instalará Puntos Violeta nas praias de Bastiagueiro e Santa Cristina, que estarán operativos desde as 23:00 horas ata as 03:00 da madrugada. Con esta iniciativa, o Concello continúa traballando activamente na prevención e actuación fronte ás violencias sexuais, LGTBIfóbicas e demais violencias machistas, mantendo o compromiso cunhas festas seguras e libres de violencias.
Os Puntos Violeta son espazos seguros de referencia, atención e acompañamento, atendidos por profesionais especializadas en igualdade, diversidade e violencias machistas. Dispoñen dun Protocolo de Actuación ante calquera tipo de agresión, en coordinación directa coas forzas e corpos de seguridade e os servizos sanitarios.
Ademais de ofrecer atención directa, os Puntos Violeta tamén funcionan como espazos de sensibilización abertos á cidadanía, nos que se proporciona material informativo e se desenvolven accións divulgativas e participativas adaptadas a todas as idades.
Ao longo de todo o ano, o Concello está a instalar Puntos Violeta nas diferentes parroquias e festexos, dando continuidade un ano máis á campaña: “Non faltes á festa, pero de festa non faltes. Por unhas festas libres de violencias machistas.”
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.