O conselleiro de Economía, Emprego e Industria participou na asemblea anual de Aclunaga, chamada a ser “un dos grandes protagonistas da nova economía galega, tanto pola súa revitalizada carga de traballo, como pola súa progresiva diversificación” cara aos sectores emerxentes
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou a innovación e a formación dos traballadores como piares para consolidar a recuperación do naval galego, que xa suma 2.000 millóns de euros en contratos tras conseguir incrementar a súa carga de traballo un 50% nun só ano. Conde participou na asemblea anual do clúster do sector, Aclunaga, onde analizou xunto ao seu presidente, Marcos Freire, e o resto de membros, os retos do sector.
O titular de Economía sinalou a importancia de seguir a traballar conxuntamente co clúster para dar solucións concretas e identificar as necesidades de futuro para seguir a incrementar a carga de traballo dos estaleiros. Indicou, neste senso, a necesidade de traballar en catro eidos esenciais: a formación, a innovación, a diversificación e o financiamento.
Conde incidiu na necesidade de innovar cara o Naval 4.0, e referiuse ao potencial de varias iniciativas en marcha, como o Concurso de Ideas Industria 4.0, que destinará 4 millóns de euros a 4 proxectos demostrativos de tecnoloxías, e “no que o naval terá moito que dicir”. Tamén fixo fincapé sobre Unidades Mixtas como na que están a traballar Navantia e a UDC cara á incorporación aos estaleiros das técnicas e tecnoloxías da fábrica intelixente; e subliñou a importancia do convenio Naval 4.0, que une ao CIS Galicia, Aclunaga e Aimen e que xa está a dar resultados no CIS Galicia en forma de novas ferramentas de robótica e virtualización. O conselleiro de Economía salientou que son todos eles “proxectos vertebradores para que o sector poida mellorar a súa innovación e, polo tanto, a súa competitividade”.
Unidades de Formación en empresas
Conde apuntou ademais que o investimento na formación dos traballadores do sector é clave para afrontar os desafíos do tecido empresarial a curto prazo. Neste senso, resaltou a posta en marcha de iniciativas no marco da Axenda 20 para o Emprego para impulsar a adaptación dos traballadores do naval á revolución tecnolóxica da Industria 4.0 coa creación de Unidades de Formación nas empresas para afondar na especialización dos profesionais con compromiso de contratación.
Con respecto á diversificación, Conde apuntou que a Xunta seguirá a colaborar coa industria do naval e tamén as súas auxiliares para abrir novas oportunidades para o sector como por exemplo no transporte marítimo, de viaxeiros ou na eólica offshore.
En canto ao financiamento, o conselleiro afirmou que a Xunta seguirá a dotar ao sector dos instrumentos que precise para afrontar os seus proxectos e, ao mesmo tempo, continuará a colaborar con Pymar.
En definitiva, Conde apelou a continuar co diálogo permanente entre o sector e as administracións e a seguir aumentando o esforzo, que pasa, dixo Conde, polo liderado das propias empresas. Neste senso, sinalou que o clúster está chamado a ser un dos grandes protagonistas da nova economía galega, tanto pola súa revitalizada carga de traballo, como pola súa progresiva diversificación.