Monday 23 de June de 2025

O Pico Sacro acolle a lendaria Cerimonia do Lume Sagrado


O Pico Sacro foi este mediodía escenario da lendaria Cerimonia do Lume Sagrado. O tempo acompañou e o séquito da Raíña Alda puxo en escena este ritual celta co que os nosos devanceiros celebraban a chegada do Solsticio de Verán..

Encabezados pola Raíña Alda e polo seu Druída, os integrantes da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre (A Estrada) concentráronse na contorna do aparcamento do Pico Sacro e comezaron un desfile ata a Capela de San Sebastián, acompañados polos músicos do grupo folclórico local Son de Gaita (Sergude).

Unha vez diante da ermida do Pico Sacro, o Druída utilizou o seu bastón (cunha lupa no extremo) para concentrar a luz solar na ramaxe que se colocou no pebeteiro. Un lume que acendeu en apenas uns minutos grazas á forza do Astro Rei, creando deste xeito o Lume Sagrado. Estas chamas serviron para acender as candeas de numerosos veciños e veciñas de Boqueixón, que as utilizarán para acender as cacharelas de San Xoán.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, acompañado polo concelleiro de Turismo, José Luís Mareque, agradeceu a colaboración un ano máis da Asociación da Fervenza do Castro de Callobre nesta actividade e animou aos presentes a coñecer máis polo miúdo o Pico Sacro, participando nas visitas guiadas gratuítas que o Concello de Brión ten programadas para este verán, “unha experiencia única para descubrir lendas, coñecer a nosa historia e desfrutar dunhas paisaxes incribles”.

Estas visitas terán lugar todos os venres, sábados e domingos ata o 14 de setembro en horario de 12:00, 16:00 e 18:00 horas. Para participar só é preciso reservar praza chamando ao 981 513 061 ou enviar un mail a boqueixonturismo@gmail.com.

Deja un comentario