
Os traballos arrincarán a mediados da semana que vén, dando continuidade ao plan de intervencións que está a impulsar o Goberno de Inés Rey desde inicios de ano en diversos distritos da cidade
A mediados da semana que vén, o Concello porá en marcha os traballos para renovar o firme da rúa Manuel Murguía e da avenida da Habana, ambas as dúas na contorna do estadio municipal de Riazor. A intervención suporá unha mellora substancial da calzada nunha superficie de máis de 12.500 metros cadrados.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, precisou hoxe que, ao igual que fixo recentemente na contorna da praza de Ourense, a avenida do Porto e Linares Rivas, “estamos a actuar nos puntos da cidade onde se detecta unha erosión máis acelerada do pavimento, habitualmente por ser percorridos onde o tráfico rodado é máis intenso e constante”.
As actuacións en Riazor arrincarán en Manuel Murguía. Previsiblemente, o mércores 25 en horario diurno, sempre e cando a previsión meteorolóxica sexa favorable para o desenvolvemento das actuacións de asfaltado.
O investimento previsto polo Concello nesta actuación é de máis de 300.000 euros.
A mediados de xullo, nova quenda de traballos na rúa San Xoán
O plan de intervencións programado polo Goberno de Inés Rey para renovar o firme nas calzadas de titularidade municipal continuará a mediados de xullo. Noemí Díaz avanzou hoxe que a intención do Concello é acometer entón as melloras previstas na rúa San Xoán e a contorna da praza de España.
A concelleira explicou que, “a renovación do firme na rúa San Xoán xa estaba sobre a mesa, mais coa inminente celebración da festa de San Xoán, entendemos que o mellor momento para executar as actuacións será a posteriori”. Díaz razoou que, programando os traballos para mediados de xullo, “diminuímos, na medida do posible, o impacto no desenvolvemento habitual do sector hostaleiro na zona”.
Neste 2025, máis de 1,7 millóns de investimento nas calzadas da Coruña
Sumando estas novas intervencións previstas en Manuel Murguía e a avenida da Habana, o Concello rebasa xa os 1,7 millóns de investimentos en renovar o firme das calzadas municipais no que vai de ano.
Ao longo deste 2025 actuouse ao longo do Paseo Marítimo —Pedro Barrié de la Maza e a contorna das Lagoas—, a avenida do Metrosidero e as Ánimas, a rotonda das Paxariñas e tamén en Catro Camiños, en diversos puntos de Agrela e tamén en Linares Rivas e a praza de Ourense.
Ademais, estes días tamén se traballa no núcleo poboacional da Silva, onde o Concello está a pavimentar os accesos desde a rúa Benela.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.