
O Concello coordina un dispositivo de seguridade e limpeza de 1.000 persoas que arrinca este luns ás 5.30 horas
O Concello da Coruña ultima os detalles do dispositivo de seguridade e limpeza para este San Xoán 2025, celebración declarada Festa de Interese Turístico Internacional. Está prevista a asistencia de máis de 150.000 persoas á contorna dos principais espazos do evento: as praias de Riazor, Orzán e Matadoiro. “A complexidade desta celebración tan emblemática para todos os coruñeses e coruñesas require dunha coordinación exhaustiva de todos os corpos e forzas de seguridade que empezamos a preparar hai semanas”, indicou a alcaldesa, Inés Rey.
Ata o peche do período de solicitude de realización de fogueiras e parrillas, houbo máis de 700 persoas que notificaron ao Concello a súa realización nos distintos barrios. Levarase a cabo unha vixilancia de todos os distritos por parte da Policía Local durante toda a xornada.
Ademais, este ano a falla será prendida por integrantes do OAR Coruña, logo de acadar o ascenso a Divisió de Honra Prata, e integrantes da AC Donaire para conmemorar a dedicación do Día das Letras Galegas ás cantareiras e á cultura galega.
O dispositivo de seguridade e limpeza deste ano está formado por arredor de 1.000 persoas e arrincará oficialmente este luns ás 5.30 horas coa posta en funcionamento do Centro de Mando Móbil da coraza, encargado da coordinación das diferentes accións de seguridade que se levarán a cabo nas horas previas, no desenvolvemento da festa e posteriormente.
Os cortes de tráfico no paseo marítimo produciranse a partir das 19.00 horas e o baño estará prohibido desde as 22.00 horas. Non estará permitida a instalación de estruturas como tendas de campaña esta noite previa nas praias, nas que haberá un control de seguridade da Policía Local.
Os efectivos despregados nesta xornada manteranse nas localizacións de anos anteriores, con servizos como o posto médico avanzado da Cruz Vermella ou as 12 cámaras de vixilancia dispostas ao longo do paseo marítimo. Ademais, haberá nas praias un servizo especial de salvamento e socorrismo, que disporá de dúas embarcacións para emerxencias. A partir do 20 de xuño, a Policía Local comprobará as posibles provisións de madeira.
Haberá catro dotacións de Bombeiros repartidas pola contorna das praias, dúas máis na falla e outra no Centro de Mando Móbil. Ademais, haberá outras dúas dotacións preparadas no parque de Agrela en caso de ser necesarias. Tamén haberá un grupo de rescate acuático formado por 10 persoas e unha embarcación. Tamén haberá un servizo especial de salvamento e socorrismo. Establécense catro rutas de evacuación os centros hospitalarios para facilitar o desprazamento das ambulancias.
Por outra banda, o acceso ás praias estará sinalizado con 12 bandeirolas, desde o Matadoiro ata as Escravas. Por outra banda, cortarase o acceso ao tráfico nas rúas Antonio Viñes, Emilia Pardo Bazán, San Xosé e San Xoán no momento no que a Policía Local estime necesario.
Cortes de tráfico na contorna das praias
Por outra banda, desde a Policía Local e a área de Seguridade Cidadá xa se estableceu a distribución dos puntos de corte de tráfico na contorna das praias de Riazor, Orzán e Matadoiro. Efectuaranse a partir das 19.00 horas, salvo que fose necesario adiantalos en función da afluencia de persoas nestes espazos.
Non estará permitido o estacionamento na explanada do Palacio dos Deportes de Riazor, así como na avenida Pedro Barrié de la Maza, nos horarios establecidos na sinalización que se disporá nestes espazos nos próximos días. En caso de ser necesario, poderase ampliar a zona de afección con cortes de tráfico cara o paseo de Rolda e San Roque de Afora e a rúa Matadoiro.
Os cortes de tráfico efectuaránse nas rúas Curros Enríquez con Zalaeta e Barrié de la Maza, Hospital con Zalaeta e Barrié de la Maza, Barrié de lla Maza con Rúa Alta, Rexedor Somoza con Comandante Fontanes, Alfredo Vicenti con Pondal, praza de Portugal con Alfredo Vicenti, avenida da Habana con praza de Portugal e a glorieta das Escravas. 120 toneladas de madeira
Este San Xoán repartiranse un total de 120 toneladas de madeira apta para a queima a partir das 19.00 horas en 14 puntos distribuídos polos areais. Haberá tamén máis de 25 puntos á saída das praias para que as persoas usuarias poidan deixar os residuos de forma separada, en contedores de gran tamaño para residuos orgánicos, inorgánicos e vidro.
Estes puntos estarán sinalizados e vinilados con claridade para que a xente identifique onde ten que depositar cada tipo de residuo. Ecovidrio repartirá boletos nos que haberá 3.000 invitacións para o Aquapark de Cerceda ás persoas que depositen correctamente os seus residuos. Ademais, haberá un reforzo de colectores nos barrios para que as persoas poidan reciclar os restos da celebración en cada distrito. Tamén haberá un reforzo de aseos portátiles ao longo dos areais, con máis de 50 unidades, e reforzarase a limpeza dos aseos públicos próximos ás praias.
O desaloxo das praias comezará ás 6.00 horas. Para a noite de San Xoán está previsto que a baixamar sexa ás 21.30 horas e a preamar ás 3.51 horas. A previsión meteorolóxica para este luns indica que haberá temperaturas máximas de 23 grados e 18 de mínima, con escasas probabilidades de choiva.
A limpeza efectuarase en todas as praias da cidade con actividade en San Xoán e empregarase un camión cisterna para apagar e refrescar os restos das fogueiras. Unha vez finalizados os traballos de retirada de residuos, haberá un cribado dos areais. Ao mesmo tempo, haberá un dispositivo de limpeza nos barrios con especial atención aos que rexistran especial afluencia nas celebracións veciñais como Monte Alto, Vioño, Labañou, Os Castros, Os Rosales e o Barrio das Flores. Tamén para atender a limpeza de zonas como María Pita, a contorna de Emilia Pardo Bazán e o incremento da actividade de ocio na praza do Humor, Azcárraga, Cidade Vella ou Ángel Senra.
Zonas de exclusión e limitacións nos areais
Por outra banda, non estará permitido realizar fogueiras preto de colectores, vehículos e outros elementos. Tampouco estará permitido o uso de combustibles líquidos nin de acelerantes para prender as fogueiras. Está prohibido queimar plásticos, cauchos, rodas, colchóns, madeira lacada, goma espuma e outros obxectos que poidan producir gases tóxicos. Non se permitirá acceder ás praias con mobles nin obxectos voluminoso, ou madeira que leve puntas ou cravos.
Nas zonas de exclusión non se poderá prender lume de ningún tipo. As ditas zonas son: a totalidade do trazado do oleoduto, e gasoduto de alta presión, o parque de Bens incluíndo a praia de Bens, o monte de San Pedro, os xardíns de Méndez Núñez, os xardíns de San Carlos, a praza das Bárbaras e a contorna da Torre de Hércules, incluído o merendeiro das Lapas e a praia das Lapas e as calas dos Mouros e de Durmideiras, sen prexuízo de que os servizos de Seguridade poidan designar algunha outra zona baseándose en criterios de protección das persoas e os bens públicos.
Por outra banda, está prohibido trasladar colectores de residuos e cambiar a súa localización debido aos desaxustes que isto causa na recollida de lixo durante os días posteriores á festa. Tampouco estará permitido baixar con vidro ás praias. Estes residuos deberán depositarse nos puntos habilitados nos accesos aos areais. Non estará permitida a solta de globos de papel, farois chineses ou similares cuxo medio de ascensión sexa o lume.
Transporte público
Establecerase un dispositivo especial de transporte público, consistente en oito liñas especiais que comunicarán os barrios coa praza de Pontevedra. Terán cada unha delas unha frecuencia de 10-15 minutos ata as 02.30 horas. O servizo nocturno estará operativo entre as 03.00 e as 06.30 horas cunha frecuencia de 30 minutos. Os tempos son aproximados e poderían variar en función do tráfico. As liñas que estarán dispoñibles durante a noite de San Xoán serán: 1, 1A, 3, 3A, 6, 7, 11, 21 e 24. Ademais, o servizo nocturno, con saídas cada media hora, seguirá o seu itinerario habitual. O obxectivo é conectar todos os barrios da cidade coa praza de Pontevedra e permitir un desprazamento cómodo e seguro da cidadanía.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.