
• A cita terá lugar este sábado, 21 de xuño, no campo de Cadreche.
O campo de fútbol de Cadreche converterase este sábado, 21 de xuño, no escenario do primeiro Torneo F11 ‘Ría de Arousa’ cadete de fútbol feminino. A cita, organizada polo Puebla C.F. e o Atlético Arousana en colaboración co Concello, reunirá a preto dunha decena de conxuntos de toda Galicia. Trátase, tal e como se confirmou durante a presentación oficial da cita, do primeiro torneo de fútbol feminino que se celebra na comarca. Durante o mesmo enfrontaranse tanto clubs da contorna como doutras zonas como O Salnés e das comarcas da Coruña e Vigo.
A Casa do Concello acolleu a presentación do evento, na que tomaron parte o alcalde da Pobra, José Carlos Vidal; o presidente do Puebla F.C., Nelson Barreiro Mouro, o director deportivo, Jose Francisco Cores, e o vogal do conxunto pobrense, Nelson Barreiro Pimentel. En representación do outro coorganizador do Torneo asistiron a tesoureira do Atlético Arousana, Carolina Baños, a secretaria, Zaida Aido, e unha das xogadoras, Paula Barreiro. Así mesmo, Paula Novo Saborido, do R.C. Deportivo de La Coruña, estivo tamén presente como madriña desta edición inaugural do Torneo.
Durante as súas intervencións, o rexedor e a concelleira felicitaron a ambos os clubs pola iniciativa, desexando que á primeira edición “lle sigan outras moitas”. Ambos destacaron a importancia deste tipo de actividades “á hora de impulsar a práctica deste deporte entre máis nenas e rapazas”.
Cronograma do Torneo
O Torneo F11 ‘Ría de Arousa’ desenvolverase ao longo de toda a xornada do sábado, 21 de xuño, contando coa participación dos seguintes conxuntos: E.F.F Sonnoia Portus Apostoli (Noia), S.D.C Órdenes (Ordes, A Coruña), Asociación Deportiva Nicrariense (Negreira), S.D. Xuventú Aguiño (Ribeira), Atlético Arousana (Vilagarcía de Arousa), Sárdoma C.F. (Vigo), Sporting Cambre (Cambre, A Coruña), Sporting San Mateo (Ponteareas) e o Caldas C.F. (Caldas).
Divididos entre os grupos A e B, os encontros disputaranse tanto pola mañá como pola tarde. Na franxa matinal, o primeiro terá lugar ás 9.30 horas e o último comezará ás 13.30 horas. Tras un descanso para xantar, a actividade reiniciarase ás 15.00 horas, prolongándose ata as 18.00 horas.
En canto ás semifinais, arrincarán ás 18.30 horas con dous partidos: un entre o primeiro clasificado da categoría A e o segundo da categoría B e outro entre
o primeiro equipo da categoría B e o segundo da A. Os perdedores competirán polo cuarto e terceiro posto. O último partido será ás 20.00 horas, cando será a gran final. A cita rematará coa entrega de trofeos, prevista para as 20.45 horas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.