
• A actuación, recentemente adxudicada, permitirá solucionar os problemas detectados en 2024, garantindo un abastecemento seguro e de calidade.
O Concello de Cariño continúa dando pasos firmes para mellorar a calidade da auga e a seguridade do abastecemento no municipio coa próxima instalación dun filtro específico para a eliminación do níquel na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Ou Castro. Con esta actuación, recentemente adxudicada, espérase poñer solución aos problemas detectados no pasado 2024.
Nos últimos meses xa se levaron a cabo diversas melloras neste ámbito, entre elas a instalación de dispositivos de telecontrol nos depósitos de auga potable co obxectivo de detectar de forma máis rápida e eficaz calquera incidencia na subministración.
Estas actuacións responden os problemas rexistrados en 2024, cando se produciron ata tres episodios de superación do límite permitido de níquel, o que obrigou a declarar a auga non apta para o consumo nin para cociñar durante case tres meses. Trátase, por tanto, dun avance fundamental para protexer a saúde pública e previr situacións similares no futuro.
A ETAP de Castro, que abastece ás parroquias de Cariño e A Pedra, non contaba ata o de agora cun sistema específico de eliminación de níquel, o que deixaba o abastecemento exposto ás variacións deste contaminante, algo que se solucionará con este novo filtro que se instalará nas próximas semanas.
A actuación súmase a outras xa realizadas o pasado ano, no marco do convenio asinado en 2024 coa Xunta de Galicia, que permitiu a renovación dos catro filtros existentes na ETAP de Ou Castro. Con esta nova intervención, adxudicada á empresa Enxeñería Mediterránea da auga S.L. por un importe de 19.691,54 euros, o Concello reforza o seu compromiso cos veciños e veciñas para evitar que se repitan situacións similares.
Esta medida forma parte do compromiso firme do Concello de Cariño de garantir unha subministración de auga segura, continuo e de calidade para toda a poboación. Coa incorporación deste novo filtro e a mellora dos sistemas de control, refórzanse as capacidades de resposta #ante posibles contaminacións, algo que foi unha das prioridades do executivo liderado por Ana María López desde a súa chegada ao goberno municipal.
“Desde o primeiro momento, tivemos claro que a seguridade da auga debía ser unha prioridade absoluta”, sinala a alcaldesa Ana María López. Na mesma liña, a rexedora afirma que “queremos que a cidadanía confíe plenamente na auga que chega ás súas casas, e estas actuacións son un paso fundamental para logralo”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.