
― O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria 2025 das axudas para apoiar a asistencia de artesáns do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia a feiras de todo o mundo e financiar a súa organización desde concellos ou asociacións de artesáns
― A ela a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina 265.000 euros e, como novidade nesta edición, sobe a cantidade máxima de axuda no caso dos concellos para a organización tanto de feiras monográficas como non monográficas
― O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 17 de xullo de 2025
― Da convocatoria de 2024 destas achegas beneficiáronse un total de 85 entidades, a gran maioría obradoiros artesáns de Artesanía de Galicia que grazas a estes apoios puideron asistir a feiras nacionais e internacionais para impulsar os seus proxectos
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde de axudas 2025 para o fomento da comercialización da artesanía de Galicia a través da que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración reforza o apoio aos concellos para promover a organización de feiras neste ámbito. Ademais dos concellos, desta convocatoria tamén poden beneficiarse os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e as asociacións profesionais e empresariais de artesáns/ás.
Dos 265.000 € de orzamento cos que conta esta orde —cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 17 de xullo— 180.000 euros están destinados aos artesáns e artesás, 50.000 aos consistorios e 35.000 ás asociacións. Con esta nova edición o Goberno galego fortalece a comercialización dos produtos da marca Artesanía de Galicia e continúa apoiando a asistencia a feiras e a súa organización atendendo á importancia deste sector en Galicia, tanto no ámbito social e cultural como no relacionado coa xeración de emprego e riqueza.
No caso dos concellos, como novidade desta convocatoria, soben as contías máximas de axuda tanto para a organización de feiras monográficas —as que son dun mesmo oficio tradicional— como non monográficas —as que inclúen distintos oficios—. Para as feiras monográficas, a cantidade máxima de apoio sobe a 18.000 euros fronte a anterior, que era de 15.000 e no caso das non monográficas poderá ser de ata 8.000 euros en función da porcentaxe de obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia que participen. Ata agora as cantidade máxima podía chegar ata os 3.000 euros.
Máis detalles da convocatoria
Ademais, con estas achegas a Xunta apoia a asistencia a feiras profesionais ou feiras de venda directa, de ámbito nacional e internacional, por parte de obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, financiándolles aspectos como o alugueiro do espazo expositivo, seguros, servizos de carácter básico e obrigatorios sinalados polo regulamento das feiras, servizos de tradución e transporte profesional do material expositivo, entre outros. Os obradoiros beneficiarios poderán recibir unha subvención máxima de 8.000 euros a través de tíckets por feira que irán dos 400 euros de mínimo en feiras de venda directa aos 3.000 euros de máximo en feiras profesionais, pasando polos 1.500 euros para feiras de Nadal.
En canto ás axudas a concellos e asociacións profesionais ou empresariais de persoas artesás, outórganse para que organicen feiras en Galicia que poñan en valor os distintos oficios ao tempo que os obradoiros implicados aumentan vendas. En concreto, subvenciónanse gastos de infraestrutura, servizos feirais e de publicidade, entre outros. No caso das asociacións de artesáns, diríxense a aquelas nas que cando menos o 80% dos seus membros, cun mínimo de 10, figuren inscritos como obradoiros artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e as achegas poden chegar aos 18.000 euros con feiras ou eventos de artesanía de máis de 30 obradoiros involucrados e tamén poden optar a apoios para manter as súas páxinas web, maiores segundo o número de inscritos de Artesanía de Galicia que representen. Da convocatoria de 2024 beneficiáronse un total de 85 entidades, a gran maioría obradoiros artesáns de Artesanía de Galicia que grazas a estes apoios puideron asistir a feiras nacionais e internacionais para impulsar os seus proxectos.
Aposta pola artesanía de Galicia no Plan Estratéxico do Comercio
Estas axudas exemplifican a aposta da Xunta a prol da artesanía de Galicia, a través da Fundación Artesanía de Galicia e da marca Artesanía de Galicia, que se reflicte tamén no Plan Estratéxico de Comercio de Galicia 2025-2030 no que se inclúen distintas medidas para apoiar a comercialización de produtos artesanais, organizar e colaborar en eventos de comercialización, así como para promocionar a artesanía como xeito de emprendemento ligado ao territorio e promover a remuda xeracional no sector.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250617/AnuncioG0767-020625-0002_gl.html
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.