Friday 22 de November de 2024

Luz verde do pleno de Ordes á aprobación inicial do seu PXOM


O documento saíu adiante cos votos a favor do Goberno Local e BNG

Tras máis de 10 anos de espera o Concello de Ordes por fin sacou adiante a aprobación inicial do seu novo PXOM. “Un documento de vital importancia para o desenvolvemento e o futuro de Ordes” tal e como o definiu o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo. O documento foi aprobado cos sete votos do equipo de Goberno (PP), e os tres dos edís do BNG. Mentres que o PSOE optou pola abstención UxO decidiu rexeitar o seu dereito a voto.

A aprobación de onte “a máis importante a nivel de do desenvolvemento das infraestruturas deste mandato” en palabras do alcalde, é froito dunha longa sesión de conversas e negociacións mantidas dende xaneiro cos demais partidos tras unha votación fracasada no pasado decembro. Tal e como lembrou Martínez Sanjurjo “a entrada en vigor da nova Lei do Solo o próximo sábado significaría ter que rexeitar todo o traballo realizado nos últimos anos e a perda de máis de 260.000 € de cartos públicos”. A isto tamén hai que engadir o risco “de que a Xunta non volva conceder unha subvención deste tipo ao Concello de Ordes xa que non sería a primeira vez que se rexeita un plan urbanístico ao non acadarse un consenso entre as distintas forzas políticas”.

Sanjurjo destacou a importancia das solicitudes que por escrito presentaron os nacionalistas para poder elaborar “este documento que recolle a totalidade dos núcleos urbanos e rurais e a totalidade do límite municipal en todas e cada unha das cualificacións e clasificacións existentes. En total realizáronse máis de 100 modificacións na zona rural e case 20 no solo urbano consolidado e non consolidado, entre outros erros”, puntualizou o alcalde.

“Vida e riqueza para o pobo”
O rexedor insistiu na importancia desta aprobación “para dar vida e riqueza ao pobo”, grazas á regularización de zonas industriais ou parques empresariais, “tal e como vén sucedendo noutras zonas próximas como Oroso ou Santiago”.

Pablo Vidal, voceiro do BNG, xustificou a súa aprobación ao novo PXOM ao ver corrixidos os erros detectados por eles, aspectos e peticións que fixeron públicas. Para o grupo nacionalista, “malia que o documento non é perfecto, si que acada uns mínimos para proceder á súa aprobación inicial, animando á veciñanza a facer as alegacións que estime oportunas para melloralo”. Entre os cambios efectuados destacan a conformación dunha alternativa de circulación á Rúa Coruña pola Rúa Alfredo Brañas, un incremento de 54 elementos nos bens arquitectónicos catalogados, unha reordenación do viario proxectado no casco urbano, a delimitación dos terreos para a ampliación da depuradora das Casillas e unha revisión de todos e cada un dos núcleos rurais existentes. Vidal destacou positivamente cambios como as 2714 vivendas procedentes do conxunto do solo urbano e urbanizable (antes 3134), así como as 1435 dos núcleos rurais (antes 1349).

Outra das demandas nacionalistas foi evitar a parálise do concello durante o período de suspensión de licenzas, establecendo un mecanismo para permitir a concesión das de obra nova nas parcelas que non viran alterada a súa catalogación con respecto ás normas subsidiarias vixentes, debendo cumprir os dous planeamentos. Tamén obterán licenzas as obras de conservación e as licenzas de actividade.

O PSOE decantouse pola abstención alegando “multiples deficiencias na redacción do texto”, como a escasez de zonas verdes contempladas ou de ampliación de zona urbana nas inmediacións do colexio do Mesón do Vento, defectos na ampliación do polígono de Merelle, ente outras. “Recoñecemos que este texto ten moitas melloras con respecto ao pesententado en decembro, polo que nos alegramos de haber votado en contra no seu día”, indica a voceira socialista Verónica Gómez, que puntualiza que “aínda así pódese perfeccionar aínda máis para que progreso, futuro e zonas verdes para embelecer e dar calidade de vida vaian xuntas”. Por outra parte UxO abandonou a sala ao tildar a sesión de “farsa” calificando de “pelotazo urbanístico” o texto baseado en gran medida no traballo realizado por eles mesmos ao longo do seu mandato.

169.000 € para o PAI
Ademais no día de onte tamén se aprobou a ampliación da zona de aparcadoiro do tanatorio municipal do Balado. Unha intervención englobada no Plan de Aforro e Investimento da Deputación da Coruña (PAI 2016) e cuxo importe ascende a máis de 169.500 €. Para isto ocuparase a zona verde próxima conseguindo unha ampliación ata os 6.850 metros cuadrados. Tamén se deseñará o vial principal de entrada conectándoo co de acceso ó punto limpo e xerando unha nova saída lateral auxiliar. Tamén se construirá un sistema de drenaxe, inexistente hoxe en día, e se mellorará o sistema de iluminación.