
– O alcalde, José Carlos Vidal, manifestou a fachenda do Concello por contar con entidades como o Club de Remo Puebla e acoller competicións destas características
A Pobra acolleu, está mañá, a presentación oficial da Liga Galega de Traiñeiras. O acto realizouse na praia da Lombiña, contando coa intervención do alcalde, José Carlos Vidal, do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e do presidente Asociación Liga Noroeste, Francisco Javier Rodríguez Barros. Á cita asistiu, así mesmo, o concelleiro de Deportes da Pobra, Eloy Sobrido, e representantes dos distintos clubs que participarán na competición. Tal e como se indicou durante a presentación, na Liga tomarán parte preto dunha trintena de equipos, enfrontándose ás distintas probas entre o sábado, 28 de xuño, e finais de agosto.
Durante a súa intervención, o rexedor sinalou o “orgullo” que supón para A Pobra repetir como escenario dunha proba destas características. Así, tal e como Vidal apuntou, o municipio acolleu, nos últimos meses, a I Bandeira Deputación da Coruña e o 78º Campionato de España de Traiñeiriñas. Como subliñou, “son citas que falan da nosa tradición remeira e, sobre todo, do bo facer dos nosos deportistas”. Neste punto, o primeiro edil referiuse ao Club Remo Puebla, ao que definiu como “unha auténtica institución na Pobra e un motivo de orgullo para todos os veciños e veciñas”.
Calendario da Liga
A Liga Galega de Traiñeiras dará comezo o sábado, 28 de xuño, coas probas que se disputarán en Redondela. No caso do municipio pobrense, a cita fixada no calendario da Liga terá lugar o sábado, 12 de xullo, coa XX Bandeira Concello da Pobra.
A competición conta cunha Liga A e cunha B, na que competirá o Club Remo Puebla. En total, serán 16 os conxuntos que tomarán parte na competición. No apartado feminino serán 10 os equipos participantes.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.