Sunday 22 de June de 2025

A Xunta destaca o labor das sociedades galegas de Basilea e Xenebra no mantemento das tradicións da nosa terra máis aló do territorio


O secretario xeral da Emigración acompaña á colectividade galega de Basilea e Xenebra na celebración do San Xoán, mantendo viva unha das tradicións máis emblemáticas da cultura galega no exterior

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou este sábado na celebración do Día de Galicia e San Xoán organizada en Basilea pola Sociedade Galega Sementeira, na que lembrou o compromiso da Xunta co apoio ás comunidades galegas do exterior a través do recoñecemento oficial e das axudas para o funcionamento e dinamización cultural.
Durante a súa intervención, Miranda destacou o valor simbólico de manter a tradición do San Xoán fóra de Galicia como expresión da identidade colectiva, e recoñeceu o papel que desenvolve a entidade como centro de referencia cultural. “Hoxe máis que nunca cómpre agradecer o esforzo de quen mantén viva a chama da galeguidade, mesmo lonxe da terra”, afirmou. A entidade, que conta cun grupo de gaita e baile propio, organiza anualmente actividades culturais, sociais e festivas que fortalecen os vínculos coa terra de orixe.
Xa pola tarde, o secretario desprazarase a Xenebra para celebrar o San Xoán coa Irmandade Galega e colectividade Galega nesta zona de Suíza e agradecer o labor da Irmandade Galega na Suíza pola súa traxectoria na difusión da cultura e lingua galegas, así como polo seu papel como espazo de acollida e convivencia, animándolles a seguir fortalecendo os vínculos coa terra a través dos programas que a Xunta de Galicia pon ao seu dispor.

Deja un comentario