Sunday 22 de June de 2025

A Xunta instala seis paneis informativos para sensibilizar á cidadanía sobre a área de risco de inundación do rego de Laxe-Carnota


O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos que entrañan estas zonas e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio deste tipo

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, instalou catro paneis xerais e dous paneis infantís informativos na área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) do Rego de Laxe-Carnota (Carnota) para sensibilizar á cidadanía sobre os perigos que entrañan estas zonas e sobre as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio deste tipo.

Esta ARPSI está formada polos regos de Laxe, de fonte Mateu e da fonte do Garocho, cuxos cursos fluviais de carácter torrencial desembocan na zona do Pindo.

Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a conciencia pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e autoprotección cidadá, un traballo que se enmarca no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles da Demarcación Galicia-Costa. Ata agora colocáronse estes indicadores en concellos como Carballo, Sanxenxo, Bueu, Vimianzo, Zas, Sada, Cedeira e Neda.
Augas de Galicia reforza así o compromiso coa prevención e xestión sostible dos asolagamentos en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas cumprindo co Plan de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) vixente ata 2027.

A instalación dos paneis informativos en Carnota enmárcase no contrato para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación, que conta cun investimento de preto de 700.000 euros.

Ao abeiro deste contrato e dentro do Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación tamén se desenvolveron obradoiros nos centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.

Deja un comentario