
O BNG de Culleredo propón iniciar contactos cos Concellos de Oleiros e Cambre para crear nos terreos da Fábrica da Cros unha instraestrutura de ámbito metropolitano.
A proposta tomaría como base a presentada en 2012 para desenvolver alí un Centro Cultural con auditorio, biblioteca e zona administrativa.
O proxecto podería optar a recibir fondos europeos, que en edicións anteriores premiaban este tipo de iniciativas conxuntas.
O BNG vai dar traslado da iniciativa tamén aos Plenos dos concellos de Oleiros e Cambre, para a súa toma en consideración en ambos.
O BNG de Culleredo levará ao próximo Pleno a proposta de iniciar contactos cos Concellos de Cambre e Oleiros para plasmar nun convenio os termos nos que se materializaría a solicitude de fondos europeos para financiar un proxecto conxunto sobre o presentado en 2012, denominado Centro Cultural Fábrica da Cros, así como o xeito de compartir as instalacións en espazos e tempos.
O edificio da Cros é unha xoia arquitectónica, incorporada ao patrimonio público municipal como cesión obrigatoria pola construción de centos de vivendas na súa contorna.
A parcela xa acolle unha escola infantil e un centro de día, froito da colaboración entre administracións xestionadas polo Bloque Nacionalista Galego. Seguindo este modelo, a parcela pode acoller máis servizos públicos, fundamentais nunha zona tan densamente poboada.
Un exemplo disto é o proxecto presentado en 2012 para desenvolver alí un Centro Cultural dotado, entre outras cousas, con auditorio, biblioteca e zona de servizos administrativos. Esta é a base sobre a que o BNG entende que se debe desenvolver calquera iniciativa nesa parcela.
O desenvolvemento dun proxecto de infraestrutura cultural e usos administrativos daría servizo de xeito moi directo, debido á súa centralidade, a varios milleiros de persoas nunha zona na que conflúen os Concellos de Culleredo, Oleiros e Cambre, mais tamén repercutiría de forma moi positiva máis alá, no conxunto de toda a comarca da Coruña. Sería un beneficio para todos e unha manifestación da vocación metropolitana que debería presidir moitas máis iniciativas e é precisamente por isto que vai ser trasladada tamén aos Plenos dos concellos veciños.
Precisamente pola súa importancia comarcal e porque dende logo sería un proxecto exemplar que podería ter os seus homólogos por todo o país, é necesario que a Xunta de Galiza se implique tamén en completar o uso que se proxectara para estes terreos, cuxa dotación cunha escola infantil e un centro de día xa se iniciou no tempo do bipartito na Xunta.
A veciñanza de Culleredo merece un proxecto que dea servizo ás súas necesidades e tamén ás poboacións veciñas de Cambre e Oleiros, tamén deficitarias en servizos públicos. Un proxecto de carácter metropolitano que sirva de foco de atracción e convivencia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.