
O Museo do Pobo Galego, en Santiago, acolleu esta tarde a presentación oficial do XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará en Ribeira entre os días 17 e 20 de xullo de 2025. Este evento, organizado de forma conxunta por Culturmar, a Real e Ilustre Cofradía da Dorna e o Concello de Ribeira, volve ás súas orixes 32 anos despois, xa que foi nesta vila onde se celebrou a primeira edición en 1993.
O presidente de Culturmar, Xosé Luís Sacau, sinalou que “o Encontro volve, nesta nova singradura, como procurando un descanso, un acougo materno, o retorno ao porto de partida”. “Acougo por reunírmonos na serenidade e amplitude do gran mar interior de Galicia, como é a Ría da Arousa, e materno por ser Ribeira o lugar onde todo comezou: a frota tradicional galega, na súa XVII edición, pon rumbo ás orixes”, engadiu.
Por parte da Cofradía da Dorna falou o coordinador da súa Escola de Vela Tradicional. Xosé Anxo García García afirmou que Ribeira estará durante catro días no centro do “mapa mundial da cultura marítima”. García aproveitou a ocasión para lembrar a quen “de verdade debemos agradecer estar hoxe aquí:
Aos nosos vellos. Aos nosos pais e avós. Homes e mulleres de mar que navegaron, sufriron, viviron e morreron nestes barcos que nós intentamos conservar”.
O alcalde ribeirán considera que o Encontro “é o espazo idóneo para que as novas xeracións se sumen ao carro de protexer o patrimonio marítimo galego e tamén que se coñeza cales son as artes e as embarcacións que usaban os nosos avós no día a día”. Luís Pérez Barral explicou que ao longo de catro días “volverán esas embarcacións tradicionais aos nosos portos e ás nosas praias”.“Verémolas cruzar as ondas da ría e tamén veremos como todo un concello se implica por potenciar, axudar e conseguir, remando, que estes barcos teñan moita vida por diante”, engadiu.
Xunta de Galicia e Deputación da Coruña patrocinan este evento, que se celebra cada dous anos nunha vila galega. A conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, falou do compromiso co Encontrode Ribeira, “terra de tradición mariñeira e dunha gran riqueza patrimonial”. Ao seu entender, este evento simboliza “toda unha reivindicación do pasado, do presente e cunha clara visión de futuro”. A conselleira afirmou que “serán as novas xeracións as que lle transmitan aos que virán que o mar é o noso símbolo de identidade e o berce do noso ser”.
Pola súa banda, o director xeral de Cultura da Xunta dixo que “non se podería entender Galicia sen a cultura marítima”. Anxo Lorenzo explicou que temos “unha cultura vivísima que nos achega moitísimos recursos, moitísima identidade e que está viva, non fosilizada nin musealizada”.
Por parte da Deputación da Coruña interveu a deputada de Sectores Produtivos.Cristina Capelán Cancelo asegurou que na administración provincial “sabemos ben o valor que ten o noso patrimonio marítimo, non só desde o punto de vista cultural, senón tamén desde o económico e mesmo emocional”. Cancelo entende que “apoiar o patrimonio non é só restaurar pezas senón tamén darlle vida, compartilo efacelo parte do noso presente e do futuro”.
O director xeral de Comercio e Consumo, que ninterveu en representación da Fundación Pública Artesanía de Galicia, invitou a toda a cidadanía a “participar” das demostracións, obradoiros e outras actividades previstas para eses días. Gabriel Alén Castro explicou que no Encontro de Ribeira vai haber unha feira tradicional na que participarán 16 artesáns.
Os organizadores prevén unha gran asistencia de barcos. Estiman poder alcanzar as 150 embarcacións que chegarán a Ribeira desde distintos puntos da península, de Europa e incluso de América, cunha delegación que nos visitará desde Chile.
Na páxina web do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia poderedes atopar xa un adianto da programación cultural para todos os públicos prevista para eses días, que inclúe concertos, teatro, monicreques, coloquios, artesanía, exposicións, obradoiros e monólogos. Tamén poderedes ver o vídeo promocional e toda a información relativa ás embarcacións inscritas e un formulario e información sobre o voluntariado.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.