
A reserva de prazas para as nove actividades destes meses abrirase o vindeiro mércores 25 de xuño
O Concello da Coruña organiza, como cada verán, actividades para a cativada no Museo Arqueolóxico, con obxectivo de que as familias poidan conciliar nestes meses de verán e os nenos e nenas aprender máis sobre o patrimonio histórico da cidade. “Desde o Goberno de Inés Rey continuamos dinamizando os nosos espazos culturais de referencia con eventos durante os meses de verán que permitirán aos máis novos ter un maior coñecemento de todo o seu traballo”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Ditas actividades serán desenvolvidas os sábados dos meses de xullo e agosto no Museo de San Antón e no Castro de Elviña, coa intención de difundir a arqueoloxía e a historia dunha maneira práctica e lúdica. Cada taller terá un aforo de 20 nenas ou nenos, e faranse tamén dous obradoiros familiares. O taller familiar do museo terá un aforo de 15 nenos ou nenas e os correspondentes adultos.
As actividades comezarán ás 12.00 horas cada unha das xornadas e terán unha duración de hora e media. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro mércores 25 de xuño ás 10.00 horas e cada actividade disporá da súa correspondente ligazón para efectuar a reserva. No se poderá solicitar máis de dúas actividades por neno ou nena das nove ofertadas.
Recoméndase acudir con roupa e calzado cómodo, gorra, botella de auga e protecciónsolar, xa que as actividades son ao aire libre se as condicións meteorolóxicas o permiten.
Actividades do Museo Arqueolóxico
Sábado 5 de xullo: ECOPRINT
Viaxamos ao pasado para descubrir os tecidos da Prehistoria e a súa evolución ata época Romana. Que materias primas e que ferramentas empregaban? Como producían as tinguiduras?. Estas e máis preguntan serán resoltas no transcurso da actividade. Para finalizar experimentaremos coa técnica do ecoprint transferindo as cores das flores aos tecidos para fabricar o noso propio pano.
Ligazón de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/ecoprint/
Sábado 12 de xullo: A ARTE DO REPUXADO
Achegarémonos aos tesouros agochados no interior das vitrina do Museo para descubrir unha técnica milenaria, o repuxado. Coñeceremos os obxectos que foron producidos no pasado utilizando esta técnica e falaremos das súas características. Materiais, ferramentas e moita imaxinación para poder facer tamén a nosa propia creación artística que poderemos levar a casa.
Ligazón de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/repuxado/
Sábado 26 de xullo: QUEBRACABEZAS NO CASTELO
Actividade dinámica para descubrir as pezas e os lugares máis curiosos que alberga o Castelo de San Antón. A través de xogos clásicos grupais conseguiremos atopar os tesouros do pasado e descubrir a súa historia. Quen os fixo? Para que se utilizaban? De que material son? Estas e máis preguntan serán resoltas ao longo dun divertido roteiro polo museo.
Enlace de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/quebracabezas/
Sábado 2 de agosto: COPISTAS MEDIEVAIS
Neste taller descubrirán os segredos da escritura e como evolucionou ao largo da historia, desde as primeiras representacións artísticas do Paleolítico, ata a formación dos scriptoriums na Idade Media. Converterémonos en escribas medievais usando os útiles do pasado para practicar caligrafía medieval e iluminando unha letra.
Enlace de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/copistas/
Sábado 9 de agosto: XOGANDO Á ROMANA
Proposta dinámica para coñecer en primeira persoa os xogos máis comúns da antiga Roma. Poñerémonos no papel das nenas e nenos do pasado para descubrir que algúns xogos actuais que xa existían entón, e probaremos a nosa destreza e sorte para tratar de superar algúns deles. Por último, traballaremos na creación dun tres en raia que levaremos a casa.
Enlace de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/xogos/
Sábado 23 de agosto: PENSAR COAS MANS
A cerámica é sen ningún tipo de dúbida un dos grandes avances da Prehistoria.
Achegarémonos as súas orixes para descubrir os diferentes usos e tamén a evolución das técnicas para a súa produción. Xa por último, observaremos os restos conservados na exposición do museo para falar da decoración e das formas e utilizalas como referencia para crear, despois, a nosa pote castrexo.
Enlace de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/mans/
Sábado 30 de agosto: ARTISTAS ORFEBRES. TALLER FAMILIAR
Esta actividade en familia permitirá coñecer o gusto polo adorno corporal desde a Prehistoria. Centrarémonos na colección do Museo de San Antón para descubrir non só as xoias máis comúns senón tamén os materiais máis utilizados. Para rematar, as nenas e nenos, axudados pon un familiar adulto/a realizarán un torques castrexo.
Enlace de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/orfebrefam/
ACTIVIDADES NO CASTRO DE ELVIÑA (11.30 h.)
Sábado 19 de xullo: TESOURO DE ELVIÑA. TALLER FAMILIAR
O castro de Elviña será o noso campo de investigación, para descubrir mediante un xogo de pistas os lugares secretos do xacemento e dar caza ao Tesouro de Elviña. A través de réplicas arqueolóxicas achegarémonos, en familia, á a vida na Idade de Ferro que permitirán ao grupo participante poñerse na pel do pobo ártabro.
Enlace de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/elvinafam/
Sábado 16 de agosto: ARQUEOLOXÍA EN ACCIÓN!
A través dunha escavación simulada as e os participantes poderá achegarse ao traballo dos arqueólogos/as, descubrindo obxectos vinculados co xacemento de Elviña para coñecer as formas de vida das persoas que habitaron o castro. Faremos un pequeno percorrido polo xacemento para coñecer as estruturas que foron quedando a vista tras as diferentes campañas de escavación.
Enlace de reserva: https://ticketing.coruna.gal/arq/arqueo/
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.