Sunday 29 de June de 2025

O Pleno de Lousame aproba os Orzamentos para 2025, que medran ata os 4 millóns de euros e destinan máis do 29% a servizos sociais


Villaverde destaca o investimento de 1,1 millóns de euros “para manter os servizos básicos” salientando que “temos 83 núcleos en 92 km2 e prestar estes servizos custa o triplo do que custa noutros concellos”

O pleno de Lousame aprobou na noite de onte venres, en sesión extraordinaria, os Orzamentos Municipais para 2025. Unhas contas que se presentan equilibradas e medran ata os 4.006.077,10 euros, un 7,15% máis que en 2024 (3.738.807,97 euros). Ao igual que o ano pasado, as contas foron aprobadas cos votos a favor do Partido Popular e os votos en contra de PSOE e BNG.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que se trata dun “orzamento garantista, no que máis do 29% está destinado a gasto social, para atender as necesidades dos veciños e veciñas. É unha porcentaxe importantísima, á que hai que engadir tamén a inversión en cultura e deportes”. Así, salientou que o Concello destina 1.167.353 euros para o mantemento de servizos como o Centro de Día, o Punto de Atención á Infancia ou o Servizo de Axuda no Fogar, tanto na modalidade de dependencia como de libre concorrencia.

Villaverde Pais fixo especial fincapé no complicado que resulta para unha pequena administración ter que cubrir competencias que lle son impropias, poñendo como exemplo a ausencia da achega do Goberno de España á financiación do Servizo de Axuda no Fogar, e o gasto que supón para municipios sen núcleos urbanos grandes e coa poboación dispersa. “Temos 83 núcleos en 92 quilómetros cadrados e prestar os servizos custa o triplo do que custa noutros concellos”, indicou a alcaldesa lousamiá, poñendo como exemplo as actuacións de saneamento: “para levar o saneamento a seis persoas, temos que gastar o mesmo que un gran concello en dar servizo a 300 ou 400”. Aínda así, Lousame cumpre coas tres regras fiscais: estabilidade, regra de gasto e límite de débeda.

Investimentos reais

O capítulo 6 do Orzamento de gastos ten consignados investimentos por un importe de 797.017,03 euros, un 10,8% máis que o orzamento de 2024, dos que máis de 470.000 euros se destinan a proxectos de pavimentación de camiños e melloras de accesos e núcleos de aldeas. Así, os orzamentos de 2025 contemplan seis proxectos de mellora de accesos a núcleos de poboación: pavimentación interior en Chave (54.740,02 euros), mellora da pista de acceso a Capelo dende a AC-308 (69.448,70 euros), pavimentación do núcleo de Cairo (139.419.10 euros), mellora do acceso a Pascual (36.824,63 euros), mellora de viario a Agriño (57.601,95 euros) e dos accesos a Valdueira (Berrimes, 48.399,27). Tamén se contempla a mellora dun viario en Ces (31.677,88 euros) e dunha pista de Marracín de Arriba a Sanguiñal (34.778,12 euros), así como unha obra de saneamento en Gandarela (33.431.25 euros).

Así mesmo, haberá un importante investimento en materia deportiva, cos 180.565,18 euros dos vestiarios do campo de fútbol da Silva e os 59.905,68 euros da renovación do sistema de auga quente sanitaria no polideportivo municipal Pilar Barreiro. En infraestruturas culturais, destinaranse case 25.000 euros a mellorar o equipamento cultural e renovar os focos do escenario do auditorio municipal. Teresa Villaverde tamén fixo fincapé nos 18.453,47 para a mellora da eficiencia enerxética no local social de Cruído, que permitirán impermeabilizar a fachada do inmoble, moi afectado polas humidades nos últimos anos.

Por outra banda, o capítulo de gasto corrente mantense. con 1.431.226,65 euros, 1,3% máis ca en 2024. Uns cartos destinados ao mantemento dos distintos servizos que presta o Concello de Lousame aos seus veciños e veciñas e que inclúe o abastecemento de auga, o saneamento, o centro de día, instalacións deportivas, alumeado público… Finalmente, o gasto en persoal suma 1.378.987,31 euros, 25.000 euros máis que no exercicio anterior.

Debate plenario

No debate das contas, PSOE e BNG mantiveron as mesmas argumentacións do ano pasado para reiterar o seu voto en contra. De feito, a diferenza máis salientable respecto ao pleno de 2024 foi que esta vez a urxencia da sesión contou cos votos a favor de PP e PSOE, e a abstención do BNG, toda vez que o ano pasado os dous grupos da oposición votaran tamén en contra da urxencia do pleno.

O voceiro socialista, Juan José Prego, xustificou o seu voto en contra en que “é un calco do orzamento do ano pasado”, preguntando por que se tardara tanto en presentalos. Unha cuestión á que a alcaldesa contestou lembrando que “nós presentamos alegacións á taxa do lixo e non tivemos resposta”, e que o Concello está a traballar na realización do primeiro censo de vivendas con seaneamento. Pola súa banda, o voceiro do BNG, Anxo Moledo, cualificou os orzamentos de “malos e continuistas”, lamentando que non se celebrara unha xuntanza de voceiros antes da sesión plenaria.

Modificacións de crédito

Acto seguido, e cos acordes da música do concerto da Banda de Música de Lousame e o Conservatorio de Noia resoando no salón de plenos, aprobáronse tres expedientes de modificación de crédito. Todos eles saíron adiante cos votos a favor do Partido Popular e as abstencións do PSOE e do BNG.

Así, o Pleno aprobou un suplemento de crédito de 52.291,20 euros con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais, para financiar a achega municipal ao convenio asinado coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para mellorar o espazo público viario de Camboño. Unha actuación enmarcada no Plan Hurbe e que suporá un investimento de 385.000 euros para a mellora funcional do espazo público viario e da zona de esparexemento cotiá dos veciños desta localidade.

O segundo suplemento de crédito, de 29.073,59 euros e financiado con cargo a baixas noutras partidas, recolle catro actuacións incluídas nos Orzamentos de 2025: o equipamento cultural, a pista de Fruíme a Silvarredonda, o acceso a Valdueira de Berrimes e o saneamento en Gandarela. O terceiro modificativo de crédito, tamén financiado con cargo a baixas noutras partidas, permitirá destinar 13.801,31 euros a melloras dos equipos informáticos do Concello.

Deja un comentario