Sunday 29 de June de 2025

A igrexa de San Martiño de Oleiros acollerá un concerto de cámara de música antiga


No día de hoxe presentouse no Conservatorio Profesional Municipal de Ribeira “Enrique Paisal” o concerto de música antiga que se celebrará mañá sábado día 21 en Oleiros a cargo da orquestra de cámara “Ensembre Hotteterre” con entrada de balde.

A presentación contou co trío de músicos, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla e Ánxela Vidal, profesora do Conservatorio de Música de Ribeira e promotora do Seminario de Música Antiga e Gaita de Fol.

O seminario está integrado dentro dun proxecto de recuperación da gaita de fol para a música de cámara e centrarase no repertorio composto antes de 1800. O profesor titular é Paulo Gonçalves –especialista de música antiga de Galicia– e pertence á propia orquestra de cámara que tocará mañá.

Cruz Rivadulla informou que o concerto de mañá será ás 19:00 h na igrexa de San Martiño de Oleiros, e que este concerto “ven a ser o colofón final do Seminario de Música Antiga do conservatorio”. Rivadulla animou a veciñanza que lle guste a música clásica que “teñen unha oportunidade de ver un concerto inédito de música antiga nunha das capelas mas senlleiras do municipio, todo un luxo”.

Por outra banda , Ánxela Vidal sinalou que o que se presenta é o concerto de clausura do curso de música antiga “no que levamos dúas edicións organizando dende o conservatorio”. O concerto está organizado polo departamento de instrumentos antigos do que Ánxela é a responsable.
No caso do seminario en concreto Vidal significou que “a gaita de fol é un instrumento que normalmente o asociamos á música tradicional e popular; sobre todo na nosa terra, pero neste caso, neste contexto, queremos tratalo coma un instrumento erudito da música culta porque realmente ten un transcurso histórico moi grande que comeza dende a idade media e que realmente ten un repertorio que socialmente é descoñecido, entón nos parece importante impulsar o recoñecemento deste repertorio”.

Mañá sábado ás 19:00 horas os amantes da música clásica teñen unha cita en Oleiros.

Deja un comentario