Sunday 29 de June de 2025

A praia do Rebalo en Aguiño será a protagonista da II Xuntanza de Esculturas de Area


No día de hoxe o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta e o edil do Mar, Fernando Abraldes; trasladáronse ás instalacións de Ambar para presentar esta segunda xuntanza de esculturas de area xunto co organizador do evento; Jesús Antonio Paz e a representante de Ambar, Alicia Romero.

O concelleiro de Mar abriu o acto anunciando aos presentes que esta segunda xuntanza se celebrará o vindeiro sábado 19 de xullo na praia do Rebalo coincidindo coas Festas de Aguiño en horario de 10:00 a 14:00 horas e está dirixido á rapazada de 3 a 12 anos. As inscricións se poderán facer presencialmente, na oficina de turismo do Malecón ou ben chamando ao número 981 87 30 07. Abraldes comentou que nestas xuntanzas e de forma itinerante, cada ano se invita a unha asociación do municipio, “neste ano quixemos contar coa presenza Ambar que accederon satisfeitos á invitación”, o ano pasado se contou coa Asociación Contra o Cancro de Ribeira.

Fernando falou dos premios que serán para os tres primeiros asemade de agasallos para todos os inscritos que serán un máximo de 100 nenos e nenas. Para rematar o edil informou que esta iniciativa esta promovida polas concellerías, de Mar, Turismo e de Servizos Municipais.
A representante de Ambar, Alicia Romero trasladou a súa gratitude en nome de Ambar, “agradecer ao Concello por contar con nós, por facer unha aposta pola inclusión e poñer en valor o talento das persoas con diversidade funcional”.

O organizador do evento; Jesús Antonio Paz tamén agradeceu ao Concello “polo seu apoio nesta iniciativa un ano máis”. Paz anunciou que este ano o evento será gravado con tres drons de forma altruísta, sen ánimo de lucro por Óscar Maya, Rubín Cádiz e Droninhood. Jesús referiuse ao evento de que “non é unha actividade só para os nenos senón que é para gozar en familia”. Suárez-Puerta pechou o acto salientando a gran afluencia e aceptación que tivo esta nova iniciativa o ano pasado, “no que as prazas se quedaron curtas e estamos seguros que este ano tamén irá a máis”, agradeceu a Ambar “por aceptar colaborar e ser membros do xurado”; Colomer rematou incidindo que este tipo de iniciativas “poñen en valor os nosos areais, que asemade é a estratexia na estamos a traballar conxuntamente as concellerías de Turismo e de Mar.”

Deja un comentario