Saturday 21 de June de 2025

Persoas Refuxiadas lembrando as que morreron intentando chegar a un mundo mellor


A Praza do Obradoiro acolleu este mediodía a conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, impulsado pola Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas coa colaboración da Unidade Municipal de Atención ás Migración. A propia Rede deulle lectura a un manifesto, nun acto que estivo presidido por unha enorme faixa cos nomes e apelidos das 66.519 persoas desprazadas que morreron nos últimos tres anos fuxindo dos seus países de orixe. Tamén participaron a alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a tenenta de alcaldesa, María Rozas.

A alcaldesa reivindicou a necesidade de lembrar a todas esas persoas mortas “porque son a vergoña da sociedade, a vergoña dos estados que non reaccionan, os nomes e apelidos que evidencian que non se están tomando medidas estruturais para que en pleno século XXI ninguén teña que fuxir dos seus países porque neles non teñen ningunha esperanza”. Goretti Sanmartín instou a todas as administracións, cada unha no marco das súas competencias, a adoptar as medidas precisas e destinar os recursos necesarios para prestarlle atención ás persoas refuxiadas, e para que exista “unha inclusión real” para aquelas que se asenten no noso país.

Pola súa banda, María Rozas lembrou que este ano a conmemoración do Día Mundial das Persoas Refuxiadas está centrada na solidariedade, e lamentou que “chegamos a esta xornada sen que a comunidade internacional faga abondo para frear o xenocidio en Gaza, cun regulamento da Lei de Estranxeiría que supón un enorme retroceso en moitos aspectos e cando permitir avanzar nos dereitos humanos, e en plena auxe dos discursos do odio”. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais tamén se referiu á insuficiente atención ás persoas refuxiadas que chegaron nos últimos meses a Santiago e que “supuxeron un enorme reto tamén para os Servizos Sociais municipais, que tiveron que actuar moito por riba das súas competencias”.

Manifesto da Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas

Durante o acto, a representante da Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, Cristina Bandín, deulle lectura a un manifesto no que o colectivo expresou o seu rexeitamento ao Pacto Europeo sobre Migración e Asilo, que segue establecendo campamentos de refuxiados en territorios fóra da Unión Europea; ás políticas de fronteiras do Estado español, e ao novo regulamento de estranxeiría. No manifesto, a Rede tamén esixiu a aprobación urxente da Iniciativas Lexislativa Popular Regularización XA e a condena e persecución política e xudicial dos delitos de odio que se producen no noso territorio “porque non podemos normalizar o racismo, senón tratalo como un delito grave”.

Deja un comentario