Saturday 21 de June de 2025

O concello avanza no procedemento de contratación de tres proxectos de mellora na rede viaria


As intervencións afectarán ás parroquias de Soandres e Lestón.

Tres proxectos dirixidos á mellora da rede viaria municipal serán adxudicados nos próximos días pola Xunta de Goberno Local, o órgano competente, despois de que a Mesa de Contratación procedese á apertura das propostas das empresas licitadoras e á clasificación desas ofertas.

Entre as tres actuacións o investimento alcanza os 158.000 euros, que se destinarán a renovar a superficie de rodadura e aumentar a seguridade viaria en estradas de titularidade municipal situadas nas parroquias de Soandres e Lestón.
O proxecto de maior entidade e con maior número de licitadores (9) está valorado 68.000 euros. Afecta ás estradas de tres núcleos de poboación da parroquia de Soandres. Tanto no Corgo de Abaixo como na Tapia vai ser renovada a superficie de rodadura dos vehículos, incluíndo a sinalización horizontal para facilitar o tránsito e aumentar a seguridade. Na Millarada realizarase unha actuación similar e tamén será mellorada a rede de recollida de pluviais.

Os outros dous proxectos localízanse na parroquia de Lestón. No núcleo do Cruceiro vaise renovar a superficie de rodadura da estrada, incluíndo a limpeza das cunetas e a sinalización horizontal. O investimento alcanzará os 48.000 euros e hai 8 licitadores.
E a outra intervención afectará ás rúas dos Oleiros e Campo da Feira do núcleo urbano de Paiosaco. Consiste na renovación do pavimento -para o que será preciso acometer un fresado parcial- e a sinalización horizontal, incluíndo o repintado das prazas de estacionamento e dos postos de venda nese sector do recinto feiral. Neste caso o orzamento base de licitación supera os 42.000 euros e hai 7 ofertas presentadas por empresas que optan á adxudicación do contrato.

Deja un comentario