Saturday 21 de June de 2025

Román Rodríguez felicita os alumnos con mellor expediente nas probas de acceso á universidade e destaca o orgullo de Galicia polos seus resultados


— O conselleiro de Educación e os reitores das tres universidades galegas participaron no acto de recoñecemento aos mellores expedientes da PAU

— Destaca a igualdade de oportunidades do sistema educativo galego, gratuíto desde a escola infantil ata a Universidade

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe no acto de recoñecemento aos mellores expedientes da PAU, xunto cos reitores das universidades de Santiago de Compostela, Antonio López, Vigo, Manuel Reigosa, e A Coruña, Ricardo Cao. No transcurso do acto, felicitou os estudantes polos seus “excelentes resultados académicos, que son un mérito digno do maior recoñecemento”. “Non hai mellor representación do orgullo da sociedade galega que o que xa conseguistes e polo que hoxe vos premiamos e sodes, polo tanto, a mellor baza da Galicia do futuro”, dixo.

No acto de hoxe, do que foi anfitrioa a Universidade de Vigo, homenaxeouse ao alumnado cunha nota igual ou superior a 8,5 na fase xeral do exame, un total de 949 estudantes procedente de 214 centros. Asistiron ao acto arredor de 2.400 persoas, entre alumnos, docentes e familiares.

“Sodes persoas responsables e aplicadas, e estou seguro que todos os valores que vos inculcaron nestes anos os profesores e as vosas familias vos van axudar neste novo camiño que agora comezades, e que incluso se van reforzar nas facultades nas que empezaredes a estudar en setembro”, dixo o conselleiro. “Continuade polo mesmo camiño e acertaredes, e gañaredes novos referentes cos que medrar”, explicou.
No que atinxe aos novos retos, convidounos a continuar pola mesma senda de traballo. “Se algunha vez vos equivocades, asumídeo como unha aprendizaxe para seguir mellorando e recordade que con esforzo sempre se obteñen os mellores resultados”, incidiu.
O conselleiro destacou, así mesmo, a igualdade de oportunidades que ofrece aos estudantes o sistema educativo “nunha Galicia na que o ensino é gratuíto desde a escola infantil ata a Universidade e co ensino máis equitativo de toda España segundo o informe PISA”.
O titular do departamento educativo da Xunta fixo fincapé en que, ademais das políticas públicas postas en marcha nos últimos anos polo Goberno galego en canto á gratuidade da matrícula, estas oportunidades das que gozan hoxe os alumnos son “un logro colectivo da sociedade galega, que non se acadou nun día, senón que levou décadas conseguir”. Neste sentido, agradeceu e felicitou a centros, docentes e familias ”por remar xuntos cara un obxectivo común, o de formar os mellores alumnos, as mellores persoas e, polo tanto, o mellor futuro para Galicia”.

Deja un comentario