Saturday 21 de June de 2025

Izaskun García reúnese coa conselleira Martínez Allegue para buscar solucións á rotonda de Ledoño e a falta de beirarrúas na estrada de Celas


• Os populares trasladan a demanda dos veciños de conservar a glorieta da AC-523 e dispoñer dun paso seguro para cruzar a vía; tamén piden un convenio co Concello para mellorar a iluminación na zona

• Propoñen incluír o tramo da AC-400 ao seu paso por Celas e Sésamo no Plan de Senllas de Galicia, financiado con fondos europeos

O grupo municipal do Partido Popular de Culleredo, encabezado polo seu portavoz Izaskun García, mantivo esta semana unha reunión coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para abordar varias demandas veciñais prioritarias en materia de infraestruturas e seguridade viaria.
A portavoz popular expuxo á conselleira a situación da estrada autonómica AC-523, na que está prevista a eliminación da rotonda que conecta Ledoño e Rumbo, dentro do plan especial vinculado ao novo colexio Coruña British International School, cuxas obras comezaron recentemente. Esta glorieta é utilizada por numerosos veciños como punto de cruzamento, nunha vía sen pasos de peóns e pola que circulan miles de vehículos a diario. Izaskun García trasladou a Martínez Allegue a reivindicación da Plataforma de Afectados da Rotonda Ledoño-Rumbo de manter a rotonda, así como a necesidade de garantir unha solución segura e adecuada para os peóns. “É fundamental que se valore unha alternativa que permita aos veciños cruzar a estrada sen riscos”, subliñou García. Ademais, propuxo a posibilidade dun convenio entre a Xunta e o Concello de Culleredo para mellorar a iluminación nese tramo, considerado un Tramo de Concentración de Accidentes (TCA), e previr a sinistralidade.
Cabe lembrar que a Xunta reprochou publicamente ao alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, o seu cambio de criterio e a súa falta de coherencia ao solicitar hai apenas uns días o mantemento da rotonda tras apoiar o plan especial que contempla a súa eliminación. Segundo indicou Francisco Menéndez, director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Rioboo é responsable da actual situación xa que a configuración actual da estrada foi acordada entre ambas as administracións nos anos 2020 e 2021 e validada con informes técnicos favorables da AXI, sen que o Concello propuxese unha alternativa distinta.
O segundo asunto tratado pola portavoz dos populares de Culleredo coa conselleira foi a necesidade de construír beirarrúas na estrada AC-400, ao seu paso polas parroquias de Celas e Sésamo, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 4,51 e 7,28. Izaskun García expuxo a súa inclusión no Plan de Senllas de Galicia, financiado pola Xunta con fondos europeos FEDER. “Cremos que ofrece unha oportunidade real para dotar á zona dunha senda que permita aos veciños camiñar con seguridade”, sinalou. García propuxo esta alternativa #ante a inacción do alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, quen prometeu publicamente hai máis de dous anos, en plena campaña electoral, que o Concello construiría esta senda cun investimento municipal de 1,3 millóns de euros. “Desde entón non fixo absolutamente nada”, denunciou a portavoz popular.
Izaskun García si agradeceu a boa disposición mostrada pola conselleira: “Valoramos moi positivamente a atención ás nosas demandas. Confiamos en que pronto podamos anunciar avances concretos que melloren a seguridade viaria en Culleredo e a vida dos nosos veciños”.

Deja un comentario