
— Ángeles Vázquez avoga por desfrutar desta festa sen deixar pegada nas nosas contornas e areais recollendo os refugallos xerados e depositándoos no contedor que corresponda para o seu correcto tratamento
— Á hora de facer os preparativos cómpre levar a cabo unha compra responsable para reducir o desperdicio alimentario e usar friameiras, vaixela e bolsas reutilizables para reducir a xeración de residuos
— Lembra que as fogueiras están prohibidas en espazos naturais protexidos e que, aínda que o lugar non estea catalogado baixo ningunha figura de protección, debemos ser respectuosos porque é o hábitat de diferentes especies de flora e fauna
A Xunta de Galicia aposta por celebrar a noite de San Xoán, o vindeiro luns, de xeito sostible e respectuoso co medio ambiente.
Nese senso, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, presentou hoxe en Malpica de Bergantiños a campaña Por un San Xoán de 10!, que inclúe un decálogo de consellos para celebrar esta festa “sen deixar pegada nas nosas contornas e areais”.
Logo de incidir no chamamento a manter as praias limpas de residuos e a ser respectuosos coa preservación dos valores naturais dos areais, a conselleira, que estivo acompañada no reparto dos folletos que recollen este decálogo pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, explicou as pautas de comportamento, que inclúen desde as cuestións a considerar con anterioridade á celebración da noite de San Xoán como os aspectos a ter en conta ao dar por rematada a festa.
En concreto, á hora de facer os preparativos cómpre levar a cabo unha compra responsable facendo un bo cálculo dos asistentes para evitar mercar máis comida e bebidas do necesario e optando por alimentos que poidan ser aproveitados ao día seguinte para reducir o desperdicio alimentario. Ademais, é recomendable usar friameiras, vaixela e bolsas reutilizables para reducir a xeración de residuos, así como priorizar a compra de produtos a granel en vez dos sobrenvasados.
En canto á localización das fogueiras, a conselleira lembrou que están prohibidas en espazos naturais protexidos e que, aínda que o lugar non estea catalogado baixo ningunha figura de protección, “debemos ser respectuosos porque é o hábitat de diferentes especies de flora e fauna”. Nese senso, fixo especial fincapé en evitar o uso de altofalantes de gran potencia para previr a contaminación acústica. A maiores, recoméndase evitar botar á cacharela calquera obxecto que non sexa de madeira.
Unha vez rematada a celebración, é fundamental recoller os refugallos xerados e depositalos no contedor que corresponda para o seu correcto tratamento. Nesa liña, a conselleira incidiu en prestar especial atención ás cabichas. “Non deben tirarse á area porque son altamente contaminantes”, engadiu.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.