Saturday 21 de June de 2025

Letras de Nixeria e de Miño converxen este luns nunha nova sesión de Poetas Di(n)versos


David Odiase e Lúa Mosquetera protagonizan o último recital desta edición

Este luns 23 de xuño o auditorio do Centro Sociocultural Ágora acollerá o último recital da presente edición do ciclo Poetas Di(n)versos. Este programa, dirixido pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño, ofrece recitais de poetas galegos/as e foráneos/as cada mes no auditorio do Centro Sociocultural Ágora. A sesión comezará ás 20.00 horas e a entrada será de balde ata completar capacidade.

Tamén será posible seguila a través da canle de Youtube de Poetas Di(n)versos. “Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apoiando unha iniciativa xenuína e única a nivel galego que permite á cidadanía coñecer e gozar ao vivo de grandes nomes da poesía, tanto do país como internacionais”, apunta Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Nesta ocasión participarán o poeta nixeriano David Odiase e a artista de Miño Lúa Mosquetera.

Poeta nixeriano membro do Colectivo de Narradores Africanos, David Odiase é un artista multidisciplinar cuxa práctica atravesa a poesía, a performance, o cinema, as instalacións, as tecnoloxías indíxenas e as metodoloxías especulativas. A súa obra involucra criticamente epistemoloxías e imaxinarios culturais de África, a miúdo buscando desmantelar narrativas hexemónicas, desafiar estereotipos, poñer en primeiro plano os sistemas de coñecemento ancestral e restituír a cultura e patrimonio africanos para alén dos discursos coloniais.

Formado na Academia de Cine de Baden-Württemberg e na Obsidian Foundation, Odiase ten amosado as súas pezas audiovisuais e performances poéticas en institucións e festivais de África, Europa e América coma o Festival Internacional de Cine Africano (Nixeria), o

Festival de Poesía Zebra (Alemaña), SOMA (México), a National Poetry Library (Reino Unido), Kampnagel Hamburgo, a Haus der Kulturen der Welt (Berlín) e o Festival Internacional de Poesía de Lagos. Ademais, foi finalista no Premio Internacional da Creatividade Moza dos Emmy 2023.

Premio de Poesía Kudo Eresia-Eke, Poetry Archive Now! Wordview e Premio Ekonke, actualmente é o comisario comunitario de TrueMyVoice, un colectivo literario de máis de 500 mozos/as nixerianos/as narradores/as de historias, que foi finalista en 2024 para os Premios de Acción dos ODS das Nacións Unidas, e aos que asesora para usar a arte con fins de defensa e cambio social.

Lúa Mosquetera (Miño, 1988) é unha artista multidisciplinar graduada en Lingua e Literatura Galegas e campioa do Poetry Slam de Compostela en 2021. Ten catro poemarios publicados: Rasrás, (2018), Aunque seas rara y seas pájaro (2020), o galego Espíderman (2022) –baixo o selo de Galaxia– e El latido es un baile que siento que me estoy perdiendo (2023). En 2022 viu a luz a novela ¡Yo vivo!. O seu poema “Anorak de pel de caribú” (incluído en Espíderman) foi escollido como Mellor Poesía da Galiza 2021 polos Premios ARitmar.

Ao longo destes anos desenvolveu unha carreira escénica independente e fixo chegar a súa poesía ao público, en múltiples recitais, a través do spoken word, xénero poético que emprega a música ou o teatro. As palabras desta filóloga tratan o feminismo, a perda, a precariedade económica, a ansiedade ou o empoderamento e van habitualmente acompañadas pola música de Pablo Seijas (ukelele, piano, guitarra e voz), mesmo incorporadas en espectáculos audiovisuais.

Deja un comentario