Saturday 21 de June de 2025

Un obradoiro de fanzines e collages inaugura este sábado en Naraío a programación do Orgullo


A área municipal de Igualdade iniciará este sábado no local social da Veiga, en Naraío, as actividades organizadas con motivo do 28-X, Día Internacional do orgullo LGBT+. Farao ás 11:00h co obradoiro “E iso de queer que é?”, unha proposta participativa na que se mesturan a arte do collage, a creación de fanzines e a aprendizaxe arredor da diversidade sexual e de xénero. A actividade, na que colaboran a asociación Avante LGBT+ Ferrolterra e a AVV O Castelo, está pensada para todos os públicos e desenvolverase ao aire libre, diante do local. Hai que anotarse -hoxe é o último día- en oriana.lopez@sansadurnino.gal ou no 695 876 178.

O obradoiro terá unha duración aproximada de dúas horas e pretende achegar, de forma amena e creativa, conceptos e realidades que moitas veces poden parecer complexos ou descoñecidos: cis, trans, travesti, heteronorma, transinclusivo, sexo, xénero… A idea é facilitar a reflexión e o debate colectivo a través da elaboración dun fanzine, unha pequena revista feita a man, onde cada persoa poderá expresar as súas ideas e como percibe a súa propia identidade.

Desde Igualdade insístese en que hoxe venres é o último día para inscribirse, algo que se pode facer por teléfono no 695 876 178 ou enviando un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal. A participación é de balde, pero é necesario anotarse para preparar o material e organizar correctamente os espazos.

O obradoiro é posible gracias á colaboración do colectivo Avante LGBT+ Ferrolterra, que durante este mes -e todo o ano- promove unha chea de actividades de visibilización e normalización da diversidade.

As seguintes citas programadas polo Concello serán os obradoiros “Abrindo a fiestra á Diversidade” e “Camiñando cara a Diversidade” dirixidos á infancia e a mocidade en colaboración coa Asociación Brío (venres 27 de xuño ás 11:00h nos xardíns municipais), así como unha nova entrega do videopodcast Falando sen cancelas, que se estreará o 28 de xuño co testemuño de Lucía Vázquez Pérez, da asociación Mestas Cedeira!.

“A través destas accións reafirmamos o noso compromiso coa inclusión, o respecto e a visibilización das realidades LGTBIQ”, comenta a titular de Igualdade, Araceli Bellas. A concelleira destaca, ademais, que o seu departamento aposta por ferramentas participativas e didácticas “que invitan á reflexión sen prexuízos nin cancelas”.

Deja un comentario